Aprendiz de bruxo

OPINIÓN

11 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A historia rula pola cultura occidental desde a Grecia clásica, con paradas en Goethe, Dukas e Walt Disney: un aprendiz de mago suplanta ao seu mestre, e recita un conxuro para que unha vasoira lle carrete os pesados caldeiros de auga necesarios para a limpeza da casa. Cando a auga comeza a inundar a estancia, incapaz de desfacer o conxuro, parte en dous a vasoira cun machado. No canto de resolver o problema, son dúas as vasoiras que carrexan caldeiros, multiplicando a desfeita.

Hai seis meses, España tiña un par de opcións naturais e claras para formar un Goberno estable. En torno á coalición que propiciou a moción de censura a Rajoy. Ou entre o PSOE e Cs, a máis razoable e compatible coas políticas da UE; que xa se asinara no ano 2015 pero que tras as eleccións de abril sumaba a maioría da que entón carecía. Mais quen tiña que tentalo decidiu conxurarse. Para acadar máis apoios e gobernar en solitario.

A desfeita está á vista: as posibilidades de coalición son menos, e máis complicadas. O PSOE perdeu escanos e capacidade de negociación, ao ter menos socios potenciais e desaparecer practicamente do escenario quen máis fácil lle sumaba a maioría. Como a vasoira, onde había un populismo, agora hai dous. Os independentistas, tamén multiplicados, reforzan os seus escanos. E en Galicia, onde a súa marca local baseaba o discurso cara as autonómicas no feito de ter vencido nas últimas xerais, van ter como pouco que modular esa mensaxe. O mago, ou sexa os electores, reprenderon ao aprendiz. Se este non aprendeu, aquel terá que voltar, como no aprendiz de bruxo para arranxar dunha vez a desfeita…