A Galiza existe

OPINIÓN

MAURO BASTÓN - EUROPA PRESS

11 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Impresións de urxencia.

1ª (e principal): o nacionalismo galego recupera a súa voz no Congreso. A Galiza volverá ter existencia política, como a que aseguraron os 4 deputados e as dúas deputadas do BNG en 5 lexislaturas.

2ª. Que fracturada está España, que falta de convivio e de entendemento, que embestida totalitaria!

3ª. Moi eficaz a campaña de Cs a prol do PP e de Vox: para iso naceron; deben autocondecorarse, o mesmo que o PP e o PSOE.

4ª. A ultradereita e o ultraespañolismo non se combaten alimentándoos: o único antídoto é democracia real e recoñecemento, dunha vez por todas, das nacións internas ao Estado.

5ª. O PSOE paga, co seu estancamento, o pecado de soberbia e de imprudencia.

6ª. As forzas nacionalistas-soberanistas de Cataluña e Euskadi soben: que máis se precisa para que a España política se bañe na realidade e desista da represión?

7ª. A maioría dos votantes galegos segue queimando incenso no altar de forzas estatais: é o nacionalismo galego o único que pode conxurar este tributo de submisión.

8ª. Non precisamos que nos boten unha man; precisamos que nos retiren a que nos teñen ao pescozo (Rigoberta Menchú dixit).

9ª. Pola conta que nos ten, necesitamos dereito de voz, de voto e de veto.

10ª. A Galiza existe: non temos a menor vontade de suicidio.