Pactando, que é xerundio

Pedro Puy
pedro puy TRIBUNA

OPINIÓN

24 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Na despedida de Xocas Fernández Leiceaga, ao remate do último dos tres plenos que o Parlamento de Galicia desenvolveu esta semana, lembreime dun dos aforismos de Jorge Wagensberg, o que di que a democracia é un sistema de convivencia inspirado no método científico, porque trata de optimizar a obxectividade, a intelixibilidade, e a dialéctica. E é certo que quen foi o último portavoz do grupo socialista suscitou o recoñecemento xeral da Cámara, porque sendo un difícil (e por tanto inspirador) rival político, contribuíu á convivencia e aos pactos parlamentarios facendo uso, como bo académico, da obxectividade, a intelixencia e a dialéctica. 

Non foi a despedida ao Xocas o único acordo unánime ao que se chegou no último pleno. Houbo nada menos que seis unanimidades máis. Unha, de apoio á continuidade do estaleiro Hijos de J. Barreras. As outras cinco sobre cuestións relacionadas coa igualdade da muller e a erradicación das violencias contra as mulleres: no ámbito laboral e salarial e contra a violencia sexual (a iniciativa do BNG); contra a trata de mulleres para a explotación sexual (a iniciativa do PPdeG); a favor da defensa da igualdade no deporte (a iniciativa do grupo mixto); e no ámbito educativo en relación coa formación afectivo-sexual (a iniciativa do grupo Común da Esquerda).

Houbo acordos no Parlamento, e tamén nos titulares cos que a prensa informou do pleno: Desde o «As referencias a Vox gañan por maioría absoluta», ao «O ausente Vox monopoliza de novo unha tensa sesión de control no Hórreo». Porque, efectivamente, a prensa destacou que na sesión de control ao presidente os portavoces da oposición preferiron sacar a pasear o espantallo do partido nacional-populista para desgastar a Feijóo, invitandóo, e cito textualmente ao novo líder socialista, «a recoñecer que xa ten un acordo coa ultradereita». Esquecendo, de entrada, que é a oposición quen comparte obxectivo coa ultradereita, porque como afirmou na última campaña electoral un dos seus líderes, o que queren é «echar a Feijóo de la Junta», engadindo que «si algo tienen claro los otros partidos es que cuando los locos de Vox se proponen algo lo consiguen» (Ortega Smith dixit).

As votacións do último pleno sobre violencia de xénero, contra a explotación sexual das mulleres ou sobre a igualdade nos salarios, no deporte e na educación, deberían abondar para respostar á pregunta de con quen pacta o PPdeG, especialmente nas cuestións referidas. Estábase pactando con todas as forzas políticas parlamentarias, e pactáronse cuestións importantes pese as circunstancias que rodeaban a unha Cámara á que a sentenza dos ERE andaluces sorprendeu en plena sesión.

O pleno no que houbo unanimidade na despedida de Xocas Fernández Leiceaga. E moitas outras unanimidades que tamén contribúen á convivencia democrática mediante o uso da obxectividade, da intelixencia e da dialéctica. Instrumentos que, desgrazadamente, non son os máis frecuentes na práctica política no Parlamento de Galicia. Nin sequera cando interveñen outros membros da academia universitaria que deberían recordar que algún día exerceron o método científico. Como se pode comprobar, sen ir máis lonxe, no grupo parlamentario cuxo portavoz despedimos afectuosamente de forma unánime.