Que pasa con PISA?

maría mosquera castro FIRMA INVITADA

OPINIÓN

Cando xa case vai alá un trimestre e as direccións dos centros educativos temos pasado o apurón do principio de curso, chegan os resultados do informe PISA. Poñémonos a ler as novas e sorpréndennos gratamente os resultados da nosa comunidade autónoma en Matemáticas i en Ciencias. Mirámonos escépticos e non o celebramos. Aquí somos máis de celebrar o patrón ou as festas gastronómicas, pero celebrar os éxitos… iso xa é outra cousa, non vaia ser! 

Pero a razón do noso escepticismo é outra: cremos os profesores que os resultados deste informe reflicten os coñecementos do noso alumnado? Dificilmente, dado o desaxuste existente entre unha avaliación de capacidades, actitudes, competencias… e uns currículos extensos nos que se seguen a priorizar os contidos.

En calquera caso, a realidade é que Galicia queda en moi bo lugar nestas dúas materias. Se ben a consellería está apostando polos proxectos STEM (a diferenza con outras comunidades autónomas nalgúns casos é abismal), dubido que estes resultados poidan ser visibles polo momento nun exame de alumnos de 4º de ESO feito no 2018. Esta é máis unha carreira de fondo na que levan participando desde hai anos os profesores de Ciencias e de Matemáticas.

Se alguén dubida de que o ensino cambiou nestes últimos anos, só ten que asistir á clase dunha destas dúas materias, nas que un profesorado totalmente implicado realiza un inxente esforzo por acercar a súa asignatura á realidade máis próxima aos seus alumnos: observacións de estrelas, feiras científicas, talleres de papiroflexia, robótica,… son algunhas das moitas actividades que axudan a comprender certos conceptos abstractos, dentro dunha corrente máis ampla que tamén pretende achegalos ao resto da sociedade: non é raro abrir un xornal e encontrar un artigo titulado ¿Para qué sirven realmente os logaritmos? ou sobre como identificar as pseudociencias.

E, entón, se esta é unha tendencia xeneralizada, que é o que pon por diante a Galicia? A realidade do ensino na actualidade é moi complexa. A dificultade das materias vai asociada a moitos outros factores sociais ou persoais que inflúen na aprendizaxe. Neste sentido, a atención á diversidade que se está aplicando nos centros galegos ten un valor importante, así como o entramado social e familiar das nosas vilas e aldeas (Galicia segue a ter unha alta porcentaxe de poboación rural), que dan unha estabilidade emocional aos nosos alumnos coa que non contan outras zonas, socialmente máis influenciadas pola inmigración e a situación precaria na que se encontran moitos dos seus adolescentes.

Tamén a loita por romper a fenda de xénero no acceso a carreiras STEM fai que moitas das nosas alumnas se interesen pola Tecnoloxía, as Ciencias e as Matemáticas, o que da un pulo importante a estas materias.

Así que, imos abandonar uns intres ese complexo de Polícrates rosaliano que sempre nos acompaña e imos celebrar. Ocórreseme que podemos invitar a algunha autoridade á mesa e aproveitar para preguntarlle: señora conselleira, cando nos poñemos coas linguas?