A desfeita dun fracaso

OPINIÓN

16 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Os resultados do Informe PISA 2018, que acabamos de coñecer, poñen ben ás claras, en xeral, o fracaso do sistema educativo deste país, tanto que aínda seguimos recuando en relación ao informe precedente, algo que xa colle síntomas de verdadeira desfeita. Grave situación que debera dar que pensar aos políticos e a toda a sociedade.

Certo que son diversas as causas da desfeita (mellor é non recorrer a optimismos simplificadores), pois uns teremos unhas experiencias e outros outras, pero hai que telas todas en conta se queremos saber onde está a orixe deste fracaso. Entre elas, parécenos que podemos asegurar que estamos diante dun problema pedagóxico.

Lonxe de nós poñer en dúbida a bagaxe académica dos profesores, pero é o noso convencemento que non sempre acreditan unhas mínimas condicións pedagóxicas, o que pode desmotivar aos seus alumnos. E se non conseguen que se interesen pola súa materia, non son bos ensinantes e deberan dedicarse a outra cousa, e non a frustrar aos alumnos (póndolles tres exames nun día, ou castigos colectivos, por recorrer a dous exemplos entre cen).

Sabemos moi ben das dificultades que hoxe poden ter na súa profesión, dende tratar con rapaces maleducados e insoportables a ter que facelo con escasos estímulos por diversas causas (retribucións, consideración social, organización disparatada do ensino), pero noutros países en circunstancias semellantes hai mellores resultados.

É obriga das autoridades adoptar as medidas que o caso require. No seu tempo así o fixo a Segunda República. Porque imos camiño de entrar nunha situación regresiva da que cada vez vai ser máis difícil saír. Esa obriga debe ser urxida e esixida cada día e cada hora pola sociedade. A todos nos incumbe endereitar tan grave situación.