Controlar as bancadas

OPINIÓN

19 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Non hai semana que non nos traia a nova dunha pelexa nun campo de fútbol ou de insultos cargados de machismo, homofobia ou racismo, cuspidos dende as bancadas coma un vómito perverso. As máis das veces o conflito xorde entre afeccionados rivais que atopan no fútbol o escenario perfecto para as agresións físicas e verbais. Non hai máis que achegarse a unha instalación deportiva, con independencia da categoría, para vermos pais berrar coma energúmenos, coma se a vida lles fose no partido. É certo que cando alguén, non contento co resultado, consegue agredir algún árbitro que frustra a vitoria do seu equipo, o feito adoita traer consecuencias, mesmo penais, como é normal. Pero suspender un partido por lle chamar nazi a un xogador ucraíno do Albacete que seica comulga co ideario fascista de grupos paramilitares non ten precedentes. E claro, axiña xorden as comparanzas con outros casos de violencia verbal nos campos como cando lles chamaron mono a Samuel Eto’o, maricón a Michel ou lle tiraron un plátano a Dani Alves no intre en que ía botar un saque de esquina. Son soadas tamén as animaladas que teñen que aturar as colexiadas e nalgunha ocasión mesmo vemos como algúns afeccionados aplauden a un presunto agresor machista sen que pase nada. Vaia por diante que rexeito toda a violencia que poida haber nun terreo de xogo. Con todo, quero ver a vara de medir a partir de agora, porque todos sabemos que algúns medios de comunicación e unha parte da sociedade teñen normalizado o machismo, o racismo ou a homofobia, que son precisamente as trabes sobre as que se asenta ese nazismo que temos que combater se queremos controlar as bancadas e defender a dignidade das persoas agredidas.