Museos en exhibición

OPINIÓN

Juan_Ignacio_Roncoroni

23 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O Consello da Xunta de Galicia acordou remitir ao Parlamento o proxecto de lei de museos e outros centros museísticos de Galicia. É unha norma de morosa xestación, desde que en setembro do 2008 a conselleira de Cultura e Deporte levara ao Parlamento unhas liñas estratéxicas de ordenamento dos museos. Dez anos antes debatiamos no V Coloquio Galego de Museos a necesidade de desenvolver ese epígrafe da Lei do Patrimonio Cultural de 1995, poñendo o acento na crise do museo baseado nas coleccións e na súa conservación, na imprescindible incorporación das novas técnicas e sistemas de comunicación, no carácter educativo dos centros e a súa capacidade para crear e canalizar cultura. Boa parte dos museólogos e museístas daquela xeración observamos con interese, non exento de inquietude, este anuncio.

 No anteproxecto puidemos ler a última versión do cliché que, levemente retocado, se repite como un ensalmo desde hai décadas: «Un museo é unha institución sen fins lucrativos, permanente, ao servizo da sociedade e do seu desenvolvemento, aberta ao público, que adquire, conserva, investiga, comunica e expón o patrimonio material e inmaterial da humanidade e o seu medio ambiente con fins de educación, estudo e recreo».

A iniciativa lexislativa xorde nun momento candente para o colectivo museístico. Técnicos e traballadores seguen con certa perplexidade o debate que se está a dar no seo do Consello Internacional de Museos (ICOM). O de espazos democratizadores, inclusivos e polifónicos para o diálogo crítico, comprometidos coa igualdade de dereitos e coa dignidade humana, a xustiza social e o benestar planetario, etcétera, non convenceu aos compromisarios reunidos en Kioto que decidiron, co 70 por cento dos votos, deixar sobre a mesa a redefinición dos museos.

Ante o dilema control/liberalización na creación de museos e entidades afíns, as leis e regulamentos serven para poñer orde, e tamén tratan de acoutar a iniciativa, sexa institucional ou civil. Pero non cabe negar que a Administración infrinxe a súa propia norma cando aplica o termo museo a entidades que non cumpren as especificacións requiridas. O prazo de catro anos para reordenar o sector conforme a nova lei vai quedar curto.

Os museos enfrontan un desafío inédito: xa non é cuestión dun cambio de paradigma, senón de reinventarse para unha nova era. Glenn D. Lowry, director do MOMA, foi audaz ao recoñecer que os museos son entidades políticas e que cómpre repensar profundamente o seu sentido. O futuro declínase en concordancia cos movementos sociais, pero non pode quedar ao albur dos ditados das redes sociais. O futuro vai inevitablemente ligado a un programa formativo e a unha carreira profesional.