No centenario de Isaac Díaz Pardo

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

Kopa

10 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda están mornas as cinzas de quen foi unha das grandes personalidades intelectuais e políticas da Galicia do século XX. Finou, hai oito anos, o 5 de xaneiro de 2012. Poucos homes deu o noso país de tan polifacética, orixinal e eficaz personalidade. Sen ser ministro, senador ou alcalde pedáneo, foi político, e de política falou ben claro co seu nome ou con pseudónimos, e fixo política clandestina axudando, de mil maneiras, ás forzas antifranquistas, nomeadamente á editorial Ruedo Ibérico, de París, aquela editorial que lle quitaba o sono a Fraga Iribarne, tan ben asesorado pola policía do Réxime que por ela sabía que libros subversivos se vendían, baixo corda, en Santiago, no portal do «Xudío» (Eduardo Hernández), na Coruña, na librería do camarada Molist, e en Ourense, en Gráficas Tanco, do militante Carlos Vázquez. En efecto, con diñeiro do seu peto particular, publicáronse en Ruedo Ibérico, do seu amigo anarquista José Martínez, libros moi valiosos, entre eles Galicia hoy, volume coordinado por el e por Luís Seoane (en Bos Aires) cos pseudónimos, respectivamente, de Santiago Fernández e Maximino Brocos. O volume recolle, entre outros documentos, os debuxos de Colmeiro sobre os mortos do 36 e a carta do galeguista Víctor Casas escrita horas antes de ser executado (2-11-1936); no riquísimo capítulo de poesía figuran poemas inéditos de Luís Pimentel (Cunetas) e de Celso Emilio Ferreiro, quen, co pseudónimo de Xan Casalderrei Petán, escribiu unha das alfaias do seu estro satírico co título Vinte e cinco anos de paz. A paz, vista por aquel vate inconformista era a «Paz de cuartel, paz de preso / paz de pobo asoballado, / paz de pan e tente teso».

Non se ten subliñado debidamente esta faceta de Díaz Pardo: o Díaz Pardo que, na clandestinidade, escribe, publica e promove a edición de textos radicalmente antifranquistas. Desde hai oito anos, a Academia Real Isaac Díaz Pardo organiza, no cemiterio de Boisaca, nas datas do seu cabodano, actos literario-musicais na súa homenaxe, sempre iniciados coa lectura do poema de Lorenzo Varela «Compañeiros da miña xeración mortos ou asasinados». Recítao unha voz noviña, e nenos son tamén os que pousan na campa do noso intelectual «unha cesta de pombas e mazás», que este é o derradeiro verso do poema de Lorenzo Varela.

A Academia, a proposta de varios dos seus membros, acordou celebrar os actos de cabodano nalgún dos domingos da primavera, pois a experiencia aconsella afastalo dos primeiros días de xaneiro, case sempre de climatoloxía moi pouco favorable para este tipo de actos ao aire libre. A Academia prepara, alén disto, un acto magno que non está decidido se se celebrará antes ou despois do 22 de agosto, data do centenario do nacemento desta personalidade impar da cultura galega.