Importantes e complementarios. Con poucas semanas de diferenza chegan a nós dous títulos de grande interese para os amantes da lingua, para os curiosos da nosa historia. Propoñen unha ollada dende fóra que nos enriquece, na tradición de tantos investigadores que dende os derradeiros anos do século XIX se achegaron ás nosas orixes literarias. O lingüista sueco Pär Larson, en colaboración coa profesora Mariña Arbor Aldea, presenta en galego A lingua das cantigas. Gramática do galego-portugués (Galaxia), documentado esforzo para o coñecemento dos cancioneiros medievais, un dos grandes tesouros non só do patrimonio galego mais do patrimonio universal. Pola súa banda, o profesor Fernando Venancio (Mértola, 1944), que durante anos exerceu a docencia en universidades dos Países Baixos, vén de poñer o ramo a unha demorada liña de investigación que titula Assim nasceu uma lingua. Sobre as origens do português (Guerra&Paz Editora), no que reivindica a significación fundacional do galego na gran familia portuguesa, brasileira e mesmo noutros continentes (Angola, Moçambique, Cabo Verde, Timor etc).
O interese dos dous libros reside no seu equipamento científico e nesa ollada exterior que permite albiscar aspectos que ás veces dende dentro non damos enxergado. Tamén na afirmación dun feito histórico que non sempre se entendeu, nin dende a realidade portuguesa nin dende a realidade española: o galego como berce, principio, con identidade de seu, sen necesidade de adxectivos de dependencia, esa convención (galego-portugués) que un día se construíu dende a crítica literaria de Coimbra e Lisboa para explicar as orixes da lingua. En termos rigorosos, atendendo á nosa historia medieval, o galego-portugués non existe. Cando Portugal se independiza e inicia vida de seu (1139) a lingua do novo reino era unha: o galego. O termo portugués para definir a lingua de Portugal non aparece ata o século XV (1430).
Seica dun tempo para acó algúns críticos portugueses, que teñen problemas para recoñecer as orixes históricas do idioma, falan de «portugués arcaico» para denominar a lingua medieval, aberración que ten acubillo nun nacionalismo que segue a identificar a lingua coas esencias da patria, sen decatarse de que no mundo hai unha chea de patrias que se consideran tales (as americanas, por poñer casos) que se expresan con linguas que viñeron de fóra. O portugués existe porque antes existiu o galego, sen adxectivos, sen necesidade doutras xustificacións. Non podemos máis ca agradecer a atención, os coñecementos e o afecto que hai detrás dos dous traballos.