Ben morrer

Juan González-Redondo Neira DECOTÍO

OPINIÓN

27 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai preto de vinte anos estreouse a película, Mar adentro, sobre a coñecida historia de Ramón Sampedro, un tetrapléxico que solicitaba a legalización da axuda para por fin á súa vida. Este filme foi moi ben acollido pola crítica, e acadou unha gran audiencia, de xeito que se converteu en algo así como a punta de lanza dunha campaña para traballar á opinión pública para facer aceptable a práctica da eutanasia, ou tal e como se presenta: a axuda a morrer con dignidade.

Con este pequeno escrito, neste tempo en que se propón a lei de legalización da eutanasia, desexaría chamar a atención sobre a transcendencia deste tema e a importancia de que haxa un debate sosegado, coa necesaria sensibilidade, no que se acollan tódalas perspectivas, porque o que hai detrás ten que ver co sufrimento das persoas, e cunha situación humana de especial vulnerabilidade.

Na sociedade plural na que vivimos, o lexislador debe amparar diferentes conviccións, e, nun tema tan extremadamente delicado coma este, confrontar o equilibrio entre dous principios da bioética como son o da autonomía persoal -as decisións da propia conciencia e a liberdade individual- co principio de non maleficencia -non facer mal- sabendo que as leis non poden cubrir unha situación particular, senón abrirse a unha xeneralidade de casos, e tendo en conta que os nosos dereitos individuais se sitúan sempre en referencia á nosa pertenza social. Por outra parte, unha lei xusta debe buscar en primeiro lugar o amparo da situación dos máis vulnerables.

Volvendo á película Mar adentro, a magnífica narración cinematográfica consigue afectar as emocións do espectador ata o punto de mover os seus sentimentos ante unha situación na que un home pide que se respecte o seu desexo de morrer. Pero, empregando a nosa racionalidade, debémonos preguntar se a circunstancia desta historia se pode xeneralizar mediante unha lei que abre perigosamente a porta a que moitas persoas, en situación de dependencia e coas facultades xa limitadas, se vexan confrontadas a unha decisión terrible, na que poderían entrar intereses de terceiros xa moi difíciles de controlar.

Podémonos tamén preguntar pola mensaxe desesperanzada que se lle está dando á xente maior ou ás persoas que se enfrontan a unha enfermidade crónica, e tamén os seus coidadores. Son consecuencias moi negativas, fronte a unha demanda social dubidosa, como se pode comprobar cando escoitamos a opinión dos profesionais sanitarios. Sobre todo, cando hai unha alternativa como son os coidados paliativos: unha asistencia ó último transo da vida que inclúe non só a mitigación da dor física, senón tamén un acompañamento integral tendo en conta tódalas necesidades dos doentes e dos seus acompañantes.

Unha sociedade con diversidade de conviccións morais e ideolóxicas necesita buscar unha base para unha ética compartida. O punto de referencia debe ser a persoa. Realmente o que é digno non é a morte, senón a vida humana. O ben morrer se correspondería coa dignidade desa vida que remata e que é o suxeito dos dereitos. Este imperativo ético tradúcese na inviolabilidade e indispoñibilidade da vida humana concreta desde o seu comezo ata o seu final. Só dese xeito nos aseguramos fronte á arbitrariedade do dereito. Unha sociedade xusta debe procurar para a vida todo o respecto que se lle poida dar, coidando a súa fraxilidade. Por esa dignidade que a existencia humana posúe en si mesma, e que non depende das súas circunstancias, nin da súa utilidade, pois sempre é un fin en si mesmo, fermosa e valiosa sen comparanza. Estamos nun tempo no que fronte ó risco de deshumanizarnos, de converter ó ser humano en obxecto, urxe buscar entre todos razóns para a esperanza.