
En Compostela, vimos de presentar a Asociación Federalista de Galicia (AFG), impulsada polo profesor Máiz, Catedrático de Ciencia Política da Universidade de Santiago. Os seus colegas Joan Botella e Jesús Ruiz Huerta, tamén presidentes de Federalistes d´Esquerres e Madrid Federal, respectativamente, interviron nun evento plural e apracible, moderado pola comunicadora e politóloga Irene Lamas.
É desexo da AFG renovar a invitation au voyage clásica da causa federal. Tanto en Europa como nos Estados Unidos, a prosperidade sen precedentes e a mingua de experiencias familiares sobre a cativeza da vida en réximes autoritarios levou ao esquecemento a formación de cada nova xeración nos valores cívicos, condición necesaria para dar continuidade á virtude política. Como apuntou George Washington no seu oitavo discurso anual ante o Congreso, todos somos responsables da educación «na ciencia do goberno», tanto no espazo familiar como no sistema educativo, dende as garderías ata as universidades.
Pondo o foco na Unión Europea, o problema non é que se deixara de «criar cidadáns», empregando a expresión do profesor da Universidade de Harvard Yasha Mounk, na monografía O pobo contra a democracia. Por que a nosa liberdade está en perigo e como salvala, senón que, debido ás resistencias dos Estados á intervención da Unión no ensino, nunca se fixo. Como consecuencia, cantos cidadáns da UE, incluso con boa formación política e compromiso cívico, coñecen os nomes de media ducia de presidentes da Comisión ou teñen nocións de como se elaboran as regulacións europeas?
Cantos serían quen de valorar as achegas de pioneiras como Ursula Hirschmann, fundadora do Movemento Federalista Europeo, en 1943, en Milán, xunta Spinelli, sobre a base do Manifesto por unha Europa libre e unida, escrito no exilio da illa Ventotene, no mar Tirreno. Para os curiosos, as memorias de Ursula, loitadora contra o nazismo e o fascismo, forzada no ano 33 a abandonar a seu Berlín natal, exiliada en París, tituladas Noi senza patria (Nós sen patria), foron editadas en castelán en 2019. Amais, Hirschmann, convertida xa no so nunha señora europea senón tamén italiana de corazón, en 1975, en Bruxelas, constituíu a Asociación Femmes pour l´Europe, como espazo de debate sobre os desafíos da construción europea, ainda con actividade.
A Asociación Federalista de Galicia ocuparase, entre outros, da divulgación de temas da UE e prestará atención á Convención sobre o futuro de Europa, compromiso da presidenta da Comisión Ursula von der Leyen, que dende o vindeiro 9 de maio, 70 aniversario da Declaración Schuman, está chamada a robustecer a axenda de cambio democrático, consolidada polo Tratado de Lisboa no ano 9 e máis recentemente polo traballo da Comisión Juncker durante a lexislatura 14-19, con iniciativas salientables tales como a decidida mellora da transparencia ao abeiro do programa Lexislar mellor.
Como subliñou a profesora Nicolaidis, catedrática da Universidade de Oxford, nas conclusións da obra colectiva A visión federal. Lexitimidade e niveis de Gobernanza nos Estados Unidos e a Unión Europea, nunha unión federal, a modo de fractais nos nosos mapas mentais e materiais, cada parte presenta, á súa propia escala, a súa propia versión dun patrón familiar; o todo e máis que a suma das partes, e as partes funcionan como un todo, pero con múltiples e sutís conexións con outras partes.
Fronte á polarización e o resentimento políticos, refusando sosegadamente o feito imaxinario da democracia low cost, ou a fabulosa invención da democracia de saldo, dende a AFG convidamos a renovar a confianza e a fe cívicas, a dar unha oportunidade ao federalismo como lumieira do cuarto propio e como proxecto compartido, funcional e meritorio, ao que facer, cada cidadán, achegas, e do que sentirse, con agrado, unha parte. Remato co titular: federalismo é democracia premium dende o nivel individual ao global.