
Moitos terán observado a pouca credibilidade dos políticos, sempre figurinos ben traxados pero que non cren no que din, que a toda présa lle deron un texto para recitar, que non leu ou que se o fixo foi con moita présa. A xente só ve un busto baduante, case sempre en pose de revista Hola!
Xa os antigos dicían que esse est percipi ( ser é ser percibido), alicerce e améndoa de tantas cousas, incluídas as técnicas de mercado. Pois, como é lóxico, a maneira en que te perciban vai influír en cada quen, e de forma decisiva. Na conformación desas maneiras entran xa as técnicas, sempre ventureiras, de facer realidade aquel principio.
Penso que tamén percibe a xente que ir ben traxado non quere dicir elegante. Serán cromos, caras fotoxénicas, rostros que todos teremos que lembrar, pero nunca elegantes. A elegancia nada ten que ver cos figurinos, máis ben xorde do interior, algo así como en certo sentido descoidada, porque xa se ten -e moitas veces é pouso cultural da familia.
Dicíase que a elegancia de Lord Hume era produto de vinte xeracións. Non somos ilusos: non pedimos tanto. Miña tía Rosalía, que foi a escolas «de ferrado», coidaba moito das maneiras dos seus sobriños. Estou oíndo as súas rosmadas; «a ver se temos maneiras», ou «nunca acenes coa cabeza», entre tantas outras.
Sei de xentes que leron moitos libros pero que son uns pailáns. Coñezo a moitos que ao mellor non leron un e compórtanse como xente civilizada. Non foron a Harvaravaca pero saben escoitar e nunca abren a boca para botar por ela as babuxadas con que cada día todos os políticos nos aldraxan e atentan contra a nosa paz, sosego e acougo. Unha boa proba do atraso cultural de deste país asilvestrado, e do moi pouco que ten avanzado. Só os malos políticos teñen a culpa.