Esperanza

Ángel Carracedo
Ángel Carracedo LOITA CONTRA O CORONAVIRUS

OPINIÓN

canicoba

04 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre tanta dor non podo menos que enviar unha mensaxe de ánimos, agarimos e esperanza. Ánimos e agarimos para todos, os que sufriches a perda dun ser querido, os cidadáns de a pé, a todos os que coidan de nós; e esperanza nos nosos médicos, no noso sistema sanitario, nos nosos científicos. Nunca tan orgulloso me sentín de ser médico, de ter contribuído á formación de tantos dos que hoxe dan a batalla contra o virus. Meu agradecemento a todos, sobre todo aos que están na primeira liña.

A revista Nature -unha das biblias da ciencia- publicou hai un par de semanas un editorial no que suxire liñas a seguir polos gobernos:

A primeira, atender aos consellos da Organización Mundial da Saúde. Os gobernos que o fixeron, realizaron tests masivos ao principio e confinaron aos positivos contiveron mellor o evolución da epidemia.

A segunda, asumir a importancia de compartir os resultados de investigación. Ben farían os ministros -di o editorial- e os seus asesores en publicaren os datos que teñen xunto coas razóns das súas decisións, e someteren todo á crítica dos expertos pois lles permitiría mellorar as súas políticas. Pola súa banda, a investigación ten que cambiar: de tan competitiva como é a máis colaborativa. É ilusionante ver como, fronte ao COVID-19, os científicos pasamos rapidamente a colaborar uns cos outros; e como as principais revistas científicas do mundo -por riba dos seus intereses económicos- están a publicar en aberto toda a información dispoñible.

A terceira liña é a colaboración internacional. O desenvolvemento desta pandemia é o exemplo máis claro de como pór fronteiras vaise traducir en perdas de vidas. É tempo de pensarmos en global. Países con potentes empresas biotecnolóxicas e farmacéuticas (que agora demostran ser de máis valor estratéxico cás doutros sectores tradicionais) non ceden, en ocasións, recursos a nacións mais desfavorecidas aínda que non lles falta de nada.

Aquí foi dramático o problema de fornecemento dos EPI, reactivos de diagnóstico, respiradores ou mesmo algúns medicamentos, e aínda estao a ser. En Galicia a nosa xente están a dar unha lección de solidariedade, xunto cos seus gobernantes ou empresarios coma Amancio Ortega. E esa vontade de axudar e compartir ten que ser extensiva ao problema económico que se aveciña. Para Europa, en concreto, vai ser unha proba de todo ou nada: de se é verosímil un proxecto común europeo ou non.

Había tempo que os científicos falaban da posibilidade dunha pandemia. Nunha profética conferencia de hai xa anos, Bill Gates falaba do impacto que tería unha doenza global en vidas e custe económico; de que como era vital investirmos en I+D e en medicina ao tempo de empeñármonos en diminuír a desigualdade entre países. Esa tería que ser a nosa prioridade pois o que pode acontecer nas rexións menos desenvolvidas do mundo é para botarse a tremer.

Non podo deixar de pensar nos que sofren. Unha compañeira da miña muller na uci definía a pandemia como «a enfermidade da soidade». Os profesionais das ucis desvívense por lles daren aos doentes a proximidade e o cariño que non lles poden dar os seus seres queridos.

Pero temos que enfocar a situación en positivo e aproveitar a crise para mellorarmos. Dentro das dificultades, cómpre gozar do agasallo da unión familiar que nos dá o confinamento, das horas cos nosos fillos, de que o tempo vaia mais lento nun mundo que toleou cun ritmo vertixinoso, de poder ler e pensar, de crer nun mundo mellor que oxalá cambie de verdade para que non teña que vir unha crise aínda maior cá actual para facernos ir polo bo camiño.

Esperanza -que é un nome ben bonito- e ánimos a todos; o meu agarimo, miles de bicos e apertas no desexo, que logo chegará o momento de podérmonos bicar e apertar na realidade. De novo, o sol -aínda que chova- volverá iluminar a Nosa Terra.