
Con esta crise remata o mundo nacido en 1945. Teñámolo en conta antes de empezar a pensar en saídas. A primeira en dicilo foi Angela Merkel: «A peor situación dende 1945», foron as súas palabras. Repetírono outros. De crises contemporáneas os alemáns saben moito. Fagámoslles un pouco de caso neste país sen historia recente e cuxa memoria transita, entre ficción e propaganda maniquea, de 1977 ao 1936. Antes de desescalar, aproveitemos o tempo -témolo- para pensar a que tipo de crise nos enfrontaremos. Se queremos pensar nas súas dimensións históricas teremos que observala dende a historia, que non é o pasado nin o que pasou, senón coñecemento do pasado dende as nosas lóxicas, intereses e preguntas.
As crises son o momento preferido dos historiadores para entender a historia. Catalizan o tránsito entre dous tempos, fan agromar as contradicións e malformacións do tempo previo e definen o seguinte. Estudamos estes tempos dende o presente, cando, por moi lonxe que queden, inflúen no noso presente. Os acontecementos e as causalidades históricas cobran visibilidade nas crises do pasado. Grupos sociais, estruturas políticas e formas económicas chocan nas crises, e nas súas secuelas vemos as novidades, ás veces a moi longo prazo, diferentes segundo os territorios. Na fin do Imperio romano de occidente vemos á Igrexa católica ocupar o lugar do Imperio durante outros mil anos sen moverse de Roma. Na grande crise da Baixa Idade Media vemos aos labregos e pequenos fidalgos desprazar aos grandes nobres malfeitores, no primeiro conflito para seren donos de seu cincocentos anos máis tarde.
Mentres se viven as crises é difícil entendelas, e moito máis aínda imaxinar o futuro, pero o coñecemento histórico dos últimos cen anos foinos adestrando para iso, para intentar entendela e coñecer a fondura histórica da crise. Temos un compás no coñecemento do pasado.
Nesta crise estase pechando o mundo construído despois de 1945. O mundo que saíu da Segunda Guerra Mundial esforzouse moito en ser estable e permanecer. Para logralo, construíu institucións económicas e modelos tecnolóxicos, e tamén ciencias sociais que todo o miden para apreciar calquera desviación. Saían do horror do xenocidio e da bomba atómica e construíron potentes instrumentos de goberno mundial e supranacional en todos os continentes, dos que a Unión Europea foi a mellor creación.
A crise actual acumula todas as crises non declaradas, non asumidas ou mal solucionadas dende a crise da enerxía de 1973 -mal chamada crise do petróleo-. Daquela constatouse a fin daquel modelo enerxético e tecnolóxico nacido coa industrialización. O concepto de sostibilidade foi a resposta, pero axiña a converteron en adxectivo de crecemento. A crise xeoestratéxica de 1989, coa fin da guerra, precedida polo accidente de Chernóbil, foi tan liberadora que minimizou a ameaza ambiental que os expertos vían medrar. Co 11S, no 2001, comezou a escala mundial unha guerra nunca declarada. Todo seguiu igual mesmo despois da crise do 2008, interpretada como financeira. Alguén falou daquela de refundar o capitalismo, pero esqueceuse axiña. E a China? Que pinta o xigante que non parou de medrar dende Tiananmen? A inercia puido máis, a da globalización e a do modelo de crecemento depredador da natureza. Agora, de saída, teremos que afrontar a necesaria transición ambiental para un tempo con futuro.