Medo

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

14 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Omedo é unha bala. Un disparo. Pasará. En tanto, non permitas que o medo incendie os teus ollos, boca, pel, aguanta. O outro (ese con quen te vas cruzar na beirarrúa) non é un criminal, é un ser humano: coma ti. Paseamos temerosos de encontrármonos de fronte coa parca. Miramos sen confianza. O confinamento levounos a desconfiar de todo. Estamos construíndo unha sociedade temerosa de si mesma: dinamitando os valores edificados en corenta anos de democracia. Desapareceu a transparencia, que era un portal. O Goberno gobernounos mal, ou peor: é o que pensan as enquisas que ofrecen as moitas socioloxías do presente. A cidadanía (o 81,2 %) considera que o Goberno mentiu. Vivimos unha película de horror dirixida por un Gran Irmán que todo o controla. Se non te sometes, entre vítores aos grandes timoneis, non es digno. Se non te sometes, serás excluido. O medo cabalga como Atila: pisando as flores. O medo non existía hai meses. Daquela, o ministro Illa declaraba na cancelación do Mobile World Congress: «No hay razón de salud pública que impida la celebración de eventos de este tipo». Os seus acólitos da prensa aseguraban que o coronavirus era menos que unha gripe, entre burlas, e o portavoz de Podemos aseguraba na fin de febreiro: «El coronavirus está absolutamente controlado en España». Non existía o medo. Os mesmos que alentaron a manifestación do 8M («nos va la vida en ello») agora obrígannos a non aproximarnos a menos de dous metros. A dous metros de ti. E máscara. Máscara si, máscara non, máscara si: como as margaridas. No País Vasco, circulen entre provincias. Aquí, non. ¿Que fixo España para merecer este Goberno? Votar, simplemente. Agora só queda o medo. Pasará.