Hai xa máis de tres meses que todo mudou. Houbo un día no que aprendiamos as cores en inglés, xogabamos no recreo, compartiamos o biscoito coa compañeira, recitabamos a Rosalía, cantabamos a escala musical e usabamos o ábaco para sumar. No que o importante era traballar en grupo, visitar a biblio e debuxar no patio unha pomba da paz. Era a nosa realidade, construída entre todos e todas, a que daba forma ao noso quefacer cotiá. Os coñecementos traspasaban as fronteiras dos libros, dos cadernos e das pantallas, e facíanse nosos, converténdose en pegadas cognitivas e, sobre todo, socioemocionais dun espazo interactivo no que o todo resultaba ser moito máis que a suma das partes.
Ninguén nos facía presaxiar que as ferramentas complementarias e opcionais se converterían no soporte que nos vencellaba ao contexto académico. Insisto na denominación soporte porque detrás de cada conexión, chamada ou mensaxe, había sempre unha voz disposta á axuda. Detrás había sempre un mestre ou mestra. Ao esforzo dos docentes uniuse o das familias para facilitarlle á cativada un período nada fácil. Vaia a miña consideración e homenaxe a eles e elas, unido a un agradecemento sincero e merecido.
A dixitalización do ensino non se reduce á dispoñibilidade de tecnoloxía. Require dunha actuación máis fonda baseada nas estratexias cognitivas e metacognitivas que forman parte do proceso de aprendizaxe. Non se pode trasladar o marco de contidos conceptuais, procedimentais e actitudinais directamente do contexto natural da aula ao artificial da pantalla. Fan falta adaptacións que favorezan a atención de docentes e discentes, a elaboración mental dos esquemas de información e a asimilación do coñecemento. Por iso resulta fundamental a formación que están a recibir os axentes educativos.
É posible que estes meses teñan repercusións académicas no alumnado, pero o prioritario debe ser o seu benestar emocional e saúde mental, co deseño de accións específicas, como está a facer o comité experto no coidado do benestar da comunidade educativa. Quedou probado que a escola, como lugar físico, como espazo pedagóxico e como ámbito evolutivo, é dificilmente substituíble. Nunca tanto quedou posta en valor a transcendencia da tarefa docente e a súa importancia nos primeiros anos das nosas vidas.
Hoxe rematamos un curso nada fácil para a comunidade educativa, no que houbo que darlle prioridade á saúde e no que desenvolvemos estratexias de afrontamento con maior ou menor éxito dunha realidade descoñecida. Por todo isto as miñas grazas en maiúscula para familias, docentes e, sobre todo, para os máis esquecidos nalgún momento desta pandemia, os máis pequenos, cuxa capacidade de adaptación quedou sobradamente demostrada e que merecen un grande aplauso da sociedade galega.