Célula de universalidade

Víctor F. Freixanes
víctor f. freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

28 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Así definía a xeración Nós, e logo o Partido Galeguista, a súa idea de Galicia: Galicia como centro do mundo, o que non quere dicir isolada, nin insolidaria, moito menos inimiga de nada nin de ninguén. Centro do mundo, non embigo do mundo. Célula vivificadora, xeradora de enerxía e de creatividade, en condicións de poder dialogar coas culturas e as nacións todas sen deixar de ser ela mesma, sen pexas nin complexos, en pé de igualdade. E a lingua galega, espiñazo que nos integra e que nos define. 

Hai quen pensa que para andar polo mundo necesitamos muletas, que non sabemos (ou non podemos) facelo sós. Digo muletas, non alianzas. As alianzas son necesarias, estratexicamente intelixentes, axúdannos a compartir desafíos. As muletas son o recoñecemento da nosa incapacidade ou accidente. Muletas son os amiguiños de fóra que nos venden solucións porque pensan que non nos valemos por nós. Solucións a cambio de submisión ou sometemento. Era a vella fórmula caciquil: un país asoballado no atraso, na ignorancia e nos complexos precisa de intermediarios para sobrevivir mesmo nas cousas máis domésticas: unha xestión no concello, unha pista ou estrada que cómpre amañar, os estudos ou a colocación dun fillo, a atención nunha enfermidade… En chegando as eleccións, a vella fórmula demandaba o voto. Dasme o voto e eu fágoche o favor (que non se concibe como un dereito). A imaxe máis común era o xamón que axudaba a pasar unhas oposicións, ou medio año pola pascua…

As alianzas son outra cousa. As alianzas nacen do pacto, da seguridade e o respecto mutuo dos que pactan, mesmo da necesidade común polo pactado. Entre nós, as alianzas son un produto da modernidade, e o mundo, que cada día é máis ancho e máis complexo, necesita alianzas. Non estamos sós, non vivimos no interior dunha cápsula nin nun tubo de ensaio. As alianzas son exactamente o contrario das muletas, mais esixen enteireza e seguridade polas partes, para que cada quen entenda e respecte as razóns do outro, o que quere dicir que tanto un coma o outro se recoñecen no contrato e asumen cadansúa responsabilidade. Pactos a gran escala, no ámbito da globalización, e pactos próximos. Pactos para a xestión do común ou para os negocios privados.

Se Galicia quere ser a célula de universalidade que proclamaban os vellos, mesmo como unha aposta de esperanza cara ao futuro, debe asumir a súa propia identidade sen muletas, sen dependencias, mais coa convición de que os camiños, moito máis nesta altura de historia, son máis doados se se comparten. E debe prepararse para esa viaxe que nos impoñen os tempos. Iniciei esta marea pensando na lingua (nas posibilidades e nas necesidades do galego na súa relación cos dous xigantes veciños: o castelán e o portugués) e acabei falando de política. Se cadra non están tan afastadas unha cousa e a outra.