O medo tamén, pero aínda é máis libre a esperanza. Toda elección móvese entre o medo a mudar e a esperanza do cambio. O voto é libre e por iso é secreto, non ao revés. Nas primeiras eleccións alguén inventou en Galicia unha consigna infalible para perpetuar os medos: «o voto é secreto non se pode dicir». Temos amigos, veciños e parentes que aínda o repiten coma unha ladaíña cando se fala de votar. Os que se din fartos da política e disque non queren saber dela. Os mesmos que saudamos sempre no colexio electoral. Nunca faltan á cita coas urnas. Non foi a única singularidade daquela democracia que uns querían igual que as mellores, mentres outros querían non perder de todo o Spain is different que tan ben lles rendara e retratara. En homologar ou singularizar consistiu o conflito entre a ruptura democrática que promovía a oposición antifranquista e a reforma que promovía o franquismo.
Aquela democracia que arrincaba empeñouse en ser nova, esquecendo as súas propias tradicións. Pasaron corenta anos e quere seguir sendo nova, pero a distancia facilita mirar cara atrás sen ira e cara máis atrás coa curiosidade de indagar o descoñecido. Agora entendemos que non todas as tradicións se esqueceron. A transparencia das urnas foi un grande logro da oposición que afunde o sentido no empeño dos nosos bisavós por garantir a transparencia nos comicios da Restauración, aínda que outra interpretación suxire que servía para ver e controlar o voto de cada quen. O pasado e confuso e difícil de interpretar. As cousas cambian de sentido co tempo: a circunscrición provincial establecida pola República para superar os distritos caciquiles é a que hoxe temos; non así as listas abertas, negadas polos partidos da oposición antifranquista. O servizo de Correos como garante único da recollida de resultados foi un acordo unánime cando arrincou esta democracia, tamén unha recuperación do pasado. O que desapareceron foron os asaltantes de carteiros. Homologación e garantía.
O que máis nos distancia doutras democracias e da nosa historia é o envío de papeletas ás casas. Algunhas deformacións iniciais da democracia española consolidáronse co tempo en vez de corrixirse. Nas excepcionais circunstancias destas eleccións galegas a anomalía converteuse en recomendación: «leven o voto preparado da casa». A iso engádese favorecer o voto por correo como se fora norma en vez dunha excepción. O voto libre require vontade, presencialidade, cabinas e papeletas no colexio. Na maioría dos países os candidatos fanse a foto saíndo da cabina coa papeleta. Por que será? Outra incómoda singularidade que nos distancia de moitas democracias deixounos o sistema creado despois da morte do ditador: a xornada de reflexión. A propaganda necesaria para facer chegar a información aos electores na maioría dos países faise ata a mesma xornada electoral. Para que se usa aquí a xornada de reflexión? Sempre pensei que iso de «levar a votar» non era cousa das democracias liberais representativas. Feijoo ven de pedilo aos seus. Que Fraga o dixera era sen dúbida un tic do seu pasado, pero isto está a pasar agora. Homologarnos na democracia representativa, segue sendo radical.