Transición verde

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

PEPA LOSADA

28 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A inmensa balsa de residuos que Alcoa ten na Mariña é un problema tan grave como o risco de peche da planta. As consecuencias laborais e económicas asociadas ao peche serían enormes, a balsa é unha bomba ambiental que podería estoupar en calquera momento con consecuencias desastrosas para a zona habitada e o mar que ten ao seu carón. Se o peche de Alcoa se materializase e se abandonase o mantemento da balsa o risco de rotura aumentaría, como en Aznalcóllar -lembremos- ou hai dez anos en Hungría nunha balsa como a de San Cibrao. A Sociedade Galega de Historia Natural e moitos expertos independentes levan meses intentando situar este problema no lugar que lle corresponde.

O asunto máis importante que ten por diante Europa é a natureza. Europa como parte do planeta. Máis importante que esta crise económica e de saúde, compre non perdelo de vista. O acordo financeiro europeo para facer fronte a esta crise foi histórico. Os cambios que deben facerse nos sistemas públicos de saúde, nos de alerta e prevención de andazos, van ocupar moitos esforzos. A adaptación das formas de educación e de traballo nesta nova normalidade ocupará o resto dos folgos, pero seguirá sendo a natureza a que deberemos atender transversalmente en todas as políticas. Esa foi unha decisión anterior ao andazo e nestes meses o proceso de transición ambiental deu pasos firmes nas centrais de Meirama ou das Pontes. Nesta mesma xeira, a perigosa balsa de lodos da Alúmina require atención antes de que debamos lamentarnos. Estas e outras similares son as urxencias ambientais, pero a transición ambiental vai máis alá de reducir a contaminación e os riscos que as sociedades industriais levan producindo hai máis de dous séculos. Non abonda reciclar, depurar e reducir emisións. A economía circular, un novo invento para recuperar as lóxicas de reciclaxe e reutilización das sociedades tradicionais a escala industrial, só é parte limitada das necesidades da transición ambiental que temos que enfrontar.

A natureza para os humanos non é un asunto, é unha relación longa e insubstituíble. A natureza tampouco é o depósito de materias primas en que a converteu a economía industrial. Sabémolo dende hai medio século a través das ciencias ambientais. A bioeconomía e a agroecoloxía dan respostas prácticas e practicables para a transición ecolóxica á que estamos obrigados e a Unión Europea definiu os pasos para levala a cabo evitando os custes laborais. Pero relacionar esa necesidade e esas propostas coa realidade vai requirir moita política fina e algúns sustos. Pandemias como a que sufrimos ou as roturas de balsas de residuos son só a parte máis visible deses sustos. As políticas concretas aínda hai que polas en marcha. Queda moito camiño. As patadas da cuadrilla de toureiros contra o coche da ministra de Traballo avisa que vai ser difícil. Hai cousas que mudan en Europa pero non mudan en España, na transición ambiental que vén seguiremos disputando entre o latifundio improdutivo e señorial que vive das subvencións e nós. Agora, no tempo de verán e de ocio aproveitamos para pensar na natureza, nesa transformada que nos rodea a nós en forma de pesca, marisqueo, agro, gando e árbores. A natureza require un novo trato, un new deal.