Emoción e razón

OPINIÓN

PEPA LOSADA

23 ago 2020 . Actualizado a las 13:37 h.

O sistema educativo demostrou nos últimos meses, marcados por unha pandemia que chegou de golpe, que é un dos eixes máis equitativo da nosa sociedade, inhibidor das diferenzas socioeconómicas e culturais, ofrecendo por igual oportunidades de desenvolvemento integral, de mellora cognitiva e de equilibro emocional. Os cativos foron privados dun dos seus contextos máis naturais de crecemento e sometidos nun proceso de adaptación exprés a unha dinámica de afastamento que reduciu os seus movementos espaciais e temporais, rachou rutinas, cancelou encontros de lecer e eliminou xogos cos amigos. Por iso, toda a comunidade educativa estamos en débeda con eles e temos que facilitarlles a volta á súa nova normalidade escolar, ao igual que fixemos noutros ámbitos. 

Levamos décadas traballando a prol dunha educación menos ríxida, menos cuantitativa, menos mecanicista. Anos cheos de formación en aprendizaxe cooperativa, en traballo por proxectos, en enriquecemento curricular, en metodoloxías activas, en fomento da lectura, en intelixencia emocional, en prácticas inclusivas. Pero, de súpeto, temos que conxugar medidas de prevención decretadas polas autoridades sanitarias coa filosofía pedagóxica que puxo a educación galega nos mellores postos canto a competencias curriculares e, o máis importante, canto a índices de equidade e inclusión.

Os máis novos non merecen máis xornadas frustradas, contando os días para volver ás aulas. Temos que respectar o seu dereito a ser educados polo axente educativo máis importante despois da familia, e este é a escola. E teremos que garantir, seguindo as indicacións sanitarias, un escenario saudable, pero tamén, na medida do posible, da aprendizaxe que representa a presencialidade. Todas as posibilidades deben ser contempladas, en función do que pase coa pandemia. Por iso o profesorado vai dispoñer dun amplo plan de formación centrado no ensino mixto e na integración pedagóxica das ferramentas tecnolóxicas, os centros van ter un plan de acollida para o benestar emocional de toda a súa comunidade, os equipos Covid van recibir formación concisa, didáctica e práctica dos facultativos expertos, e as instrucións de principio de curso céntranse no reforzo e na compensación dos desfases intra e inter grupo para que as consecuencias do confinamento sexan mínimas.

É necesario que o foco de mira comece na rapazada, a que menos voz ten neste entramado marcado inxustamente por intereses que distan de conseguir arrancar un curso con positividade, enerxías e ilusión, a pesar da complexidade da situación á que estamos abocados a adaptarnos en todas as nosas actividades. As persoas adultas temos a responsabilidade de transmitirlles seguridade. Non sumemos á fraxilidade ante o virus unha debilidade derivada da negación dun dereito fundamental que nos separa dos países con máis desigualdades sociais.

Cómpre pensar como é consubstancial ao cerebro humano, a pesar do intento insistente de fragmentación da mente, isto é, combinando a emoción coa razón.