Como se sentiría vostede, que se manexa de marabilla na gamma de grises que definen a «vida privada» dos políticos e reis eméritos, se lle acontecese o que pasou en Asturias a Irene Montero e Pablo Iglesias? Porque non estamos falando da natural curiosidade que esperta a presenza de famosos senón de pintadas, persecucións e ameazas que provocaron a súa marcha.
En todo este episodio, resulta curioso que precisamente fose outro membro do Goberno quen denominou «escrache» o que acontecía coa mediática parella, insinuando que se volvera na súa contra a convocatoria deste tipo de manifestacións animadas por Podemos diante das vivendas de corruptos e torturadores. A comparación é malintencionada, porque un escrache, se vincula cun fallo no sistema e coa constatación dunha inxustiza que a cidadanía expresa tomando a rúa para ser escoitada sinalando a quen fachendean de inxusta impunidade. Lembremos que os escraches se fixeron contra torturadores arxentinos que non foran xulgados, e aquí en España, contra membros de gobernos imputados en causas de corrupción graves que permanecían en liberdade. É algo distinto do simple odio, algo que o neofascismo español emprega sistematicamente porque lle parece un “erro do sistema” que partidos de esquerda gobernen. Confundir iso cun escrache é entrar na lóxica noxenta da ultradereita, moito máis antidemocrática ca unha multitude sinalando a vivenda dun torturador como foi Billy el Niño.
Montero e Iglesias, gústenos ou non, son representantes públicos porque tiveron votos, na rúa e no Parlamento. Nin mataron nin torturaron a ninguén.
Non me comparen.