
Oconfinamento pola pandemia, motivou que puidera dedicarlle moito tempo á información nos medios e na rede, tanto do covid-19 coma das eleccións galegas. Sen dúbida, se tivera que resumir sinteticamente as miñas sensacións ao longo destes meses, concluiría taxativamente que vivimos no país dos máis listos.
Sei que máis tarde ou máis cedo, algo así tiña que pasar, pero a poboación non o esperaba e moito menos os nosos políticos. Agás epidemiólogos e poucos máis, ninguén tiña claro o que había que facer para xestionar con éxito a pandemia. E mira ti que tivemos mala sorte, pois foron xestionala os inútiles do Goberno, mentres que os listos da oposición política, sabían perfectamente o que había que facer de xeito correcto, pero grazas aos seus non, non… e aquilo: que o estado de alarma xa non ten sentido, fixo agromar con máis forza tódolos rebrotes actuais e causar moito máis prexuízo á economía.
Xúrolles que os nosos políticos teñen un alto nivel e senón lembren aquel iluminado que dixo no Congreso que o cambio climático era un invento eco-comunista. Un listo superior! Así, señor Desposado, voulle dar a vostede un bo consello: Chame ao presidente Feijoo para que lles dea un cursiño a vostede e á señora Abaixo, aínda que sexa acelerado, para que lles aprenda a facer ben as cousas e saír do seu descoñecemento burricán. Non se pode andar de ignorantes inconscientes, aínda que se crean os máis listos, polo aprendido no mestrado Asneira.
Moito teño que agradecerlles aos voceiros: Cortizol Ferreiro e Espiñento que viñeran a Galicia nas pasadas eleccións. Sendo expertos en saber quen inventa as palabras, non saben que cenutrio, de recente creación, fíxose na súa homenaxe. Pois hai que ser moi cenutrio para vir a Galicia a aldraxar a Castelao e pensar que os babecos dos galegos, mudaremos a nosa identidade galega pola dos listos voceiros españois. Miren voxtedes, veñan se é posible moito máis a miúdo, pois lles quedan por denigrar: Rosalía, Pondal, Curros, … e mesmo Breogán, pois non hai dialéctica máis efectiva que a súa, para reforzar a nosa galeguidade.
Tamén saíanseme os ollos das órbitas, cando lía as declaracións dos acólitos da señora Arreconchegadas: temos unha mala noticia para os galegos, porque o nacionalismo avanzou. Eu debullaba os miolos por saber que lles pasa na cabeza, pois foron os galegos quen votaron moito a uns e nada a outros. A mala noticia sería para vosoutros, listos!
Para rematar unha anécdota moi ilustrativa. A miña amiga Nuria subía en Santiago pola Fonte Sequelo e viu un turista bebendo. Esta tiña un cartel cunha billa baixo un sinal de prohibición e a lenda «Non potable». Ela que é moi dilixente, díxolle ao turista: «perdona, no has visto que esa agua no es potable» ao que o turista respondeu: «claro, lo ponéis todo en gallego y así no hay quien se entere, pues ya bebí». Seguro que non lle sucedeu nada, pero tiña que terlle pasado, por ser o listo máis cretino.