A Cidade das TIC

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

03 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Había tempo que non se escoitaban novas sobre a Cidade das TIC, a desenvolver na Coruña. A iniciativa retorna á actualidade seica polo atraso na súa realización, e quizais sexa ilustrativo lembramos como se desenvolveu unha idea semellante hai décadas, a do Parque Tecnolóxico de Galicia.

Se a memoria non falla (e para corrixiren están vivos os actores principais daquela historia), o conselleiro de Industria encargara á -única- universidade galega o proxecto cun obxectivo: perfilar en detalle o parque nun tempo mínimo. A universidade pasoulle o desafío a Feuga e o seu director escolleu expertos que viaxaron mundo adiante, viron, falaron e contrastaron. Nese grupo tiñan grande peso os tecnólogos a pé de empresa. O proxecto presentouse con rigor empresarial.

Xa hai décadas que as TIC superaron as áreas de coñecemento da telecomunicación e a informática. Cando a industria 4.0 é un feito, cabe preguntarse se, para lle dar pulo ao proxecto con sede coruñesa, non sería conveniente involucrar o Consello Galego de Enxeñerías, confiando na efectividade e na visión industrial dos colexios profesionais que o conforman. Á fin das contas, a Cidade das TIC é para toda Galicia e zonas de contacto xeográfico e socio-económico (en cuxa condición a Xunta de Galicia fixo aposta polo proxecto).