Hai uns días, un pouco tapado pola pandemia, o terrorismo volveu golpear Niza, desta volta coa autoría dun inmigrante tunesino en situación irregular que chegou en setembro á illa de Lampedusa. Aínda que pareza raro, este atentado si veu do exterior e trátase dunha excepción porque a meirande parte dos radicais que atentan en Europa son musulmáns de segunda xeración, é dicir, xente que naceu e medrou entre nós, moitos deles alleos ás mesquitas, á comprensión fonda do islam, pero non a esa comunidade virtual que permiten as novas tecnoloxías e a unha influencia de grupo, mesmo xuvenil, que adoita canalizar o rexeitamento, a marxinación e a percepción de que son tratados coma cidadáns de segunda clase nas cidades que nacen e viven. Sobre esa falta de integración na comunidade de acollida, nace o estigma, un sentimento de inxustiza, de agravio e resentimento, toda unha sorte de factores cos que é doado construír un odio e un desexo de desquite contra o propio país natal. Sábeno ben os que os captan e explotan neles ese lado escuro, esa vulnerabilidade psicolóxica que deixa o camiño expedito para poderen manipular a súa rabia e unha frustración que os impulsa a atentar. O inimigo é daquela interior, difuso, moi difícil de detectar. Non é un problema de fronteira física, senón mental. Evitar este tipo de atentados vai resultar complicado, pero a represión contra unha comunidade marxinada non é o mellor camiño nin a solución. Entre as moitas frontes nas que hai que traballar, Europa debería teimar nos métodos brandos da persuasión co obxectivo de previr e tratar de que todas esas persoas en risco potencial de se radicalizaren se integren nunha sociedade que tamén ten que ser a súa. Non hai outro camiño.