Outros Orzamentos eran posíbeis

Néstor Rego DEPUTADO POLO BNG NO CONGRESO

OPINIÓN

E. Parra. POOL

07 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

No pasado día 3 ficaron aprobados os Orzamentos do Estado, que o Goberno cualificou de expansivos. Mágoa que non fixesen unha aposta máis firme por desenvolver políticas sociais e mágoa que no caso da Galiza presentasen unhas contas que discriminan o noso país, cun descenso do investimento de 104 millóns de euros en relación cos últimos, os de 2018 do Partido Popular, que xa eran malos, tanto que o propio PSOE os rexeitou nese momento dicindo que eran «unha labazada do PP a todos os galegos». Agora, no entanto, parécenlle estupendos.

Claro que xa sabemos que hai dirixentes políticos que cando están na oposición din unha cousa e cando o seu partido goberna poden facer a contraria sen ruborizarse. Mesmo xustificar o inxustificábel. Polo contrario, o BNG só ten unha palabra: estamos no Congreso para defender os intereses dos galegos e galegas, goberne quen goberne en Madrid.

E as contas son claras: sobe o Orzamento global, sobe o investimento en máis de 68 %, soben a maior parte das comunidades autónomas mesmo por riba de 45 % e, no entanto, Galiza baixa máis de 11 %. Inxustificábel.

Fronte a esta evidencia incuestionábel hai quen sae en tromba a criticar a coherencia do BNG e a tentar xustificar sen pudor e sen rigor (con falsidades como o AVE) que vaiamos ter menos diñeiro do que necesitamos e do que é de xustiza. A verdade é que se empregasen unha cuarta parte da enerxía que usan para descualificar o nacionalismo en convencer as direccións dos seus partidos en Madrid para melloraren os investimentos, a Galiza sairía gañando, porque outros Orzamentos eran posíbeis. Mais, ao que se ve, preferiron obedecer e tentar convencernos de que son marabillosos.

Só non explican por que non presentaron nin unha soa emenda para incrementar o investimento e por que rexeitaron todas e cada unha das 234 emendas do BNG. Tamén moitas no ámbito social: aumentar en 250 millóns de euros o apoio á dependencia, subir as pensións mínimas; reducir o IVE a 0 % para as máscaras e a 4% para produtos de hixiene feminina, culturais ou servizos esenciais (auga, luz, gas); modificar o IRPF para non prexudicar persoas con rendas baixas e dous pagadores (por exemplo emigrantes retornados e persoas en ERTE); crear 3 novos xulgados de violencia de xénero; reducir o gasto militar...

Entretanto, moitas persoas xa tiraron unha conclusión: precisamos máis forza (propia) en Madrid pois, á hora de defender os intereses do noso pobo, só o nacionalismo ten as mans libres para facelo, con coherencia e con dignidade.