Valentín Arias

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

Oscar Vázquez

27 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Non vou falar de Xela. Tempo haberá. As Letras Galegas son moito máis ca un día. As persoas ás que a RAG dedica a celebración pasan a formar parte dun territorio autónomo fundamentado nos seus méritos e transcendencia, que debe ser visitado sempre que haxa vontade, alén do tempo e a circunstancia. Quero falar de Valentín (Vilerma de Maside, Sarria, 1954-2011), mestre, ensaísta, tradutor, editor, escritor, animador de empresas, militante do nacionalismo galego (PSG), sementador de vocacións e proxectos… E pai de Xela, que en moitos aspectos o continuou.

Non teño reparo en dicilo, estamos a falar dunha das figuras fundamentais no rexurdimento das nosas letras no derradeiro terzo do pasado século e na primeira década do presente. Coñecino no ano 1976. El era daquela xerente da editorial Galaxia e participaba dun intento de renovación na editora, na procura de novos textos, novos temas, novos autores, período do que fala con detalle Xosé Luís Franco Grande na derradeira entrega de Os anos escuros. Houbo desencontros e Valentín entrou a colaborar no proxecto que poñía en marcha Xulián Maure no ano 1979: Edicións Xerais de Galicia.

En 1984 creouse a Asociación de Tradutores Galegos. Alí estaba Valentín, xa cunha obra moi cumprida, xunto con Maure, Antón Santamarina, Xavier Senín, Antón Palacios… A tradución, xunto cunha incorporación importante da muller á produción literaria, a aparición de novos xéneros como a Literatura Infantil e Xuvenil (LIX), o xornalismo, os libros de viaxes, a literatura policíaca, as guías da natureza, etcétera, e mais coa configuración por primeira vez dun mercado estable para o libro galego (a partir do decreto de bilingüismo de 1970 e do Estatuto de Autonomía de 1981), conforman o novo tempo de entusiasmo que avivou as nosas letras, un salto cualitativo na creación, na produción e mesmo no número de lectores. Alí estaba Valentín Arias.

Viña das terras de Lugo, formado na Escola de Orientación Agrícola da Granxa de Barreiros, obra de Antonio Fernández, o mesmo que anos despois botou a andar o Colexio Fingoi, que acollería a Ricardo Carvalho Calero. Na Granxa de Barreiros Valentín descubriu a vocación de ensinante, da man de Avelino Pousa Antelo, e o seu primeiro compromiso con Galicia, coa súa transformación e modernidade. A súa obra ensaística céntrase na didáctica da lingua (A lingua galega na escola, 1969), no cooperativismo agrario e na literatura para os máis novos. Pero sobre todo na tradución. Neste ámbito era o noso patriarca. Noventa e nove libros traducidos!, dende Albert Camus e Jules Verne a Marguerite Duras, Le Clézio ou Rodari, pasando por Tintín (23 títulos), o Rato Pérez (18) e os contos de Astérix (11), ao que debemos sumar a ambiciosa versión do Quixote (1990), en colaboración cos anteditos Senín, Palacios, Xosefa Fernández e a súa filla, Xela Arias.