Tempo para pensar as cousas

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

17 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O mundo, as sociedades todas, viven un proceso de aceleración exponencial. O tempo dos nosos avós, mesmo diría que o dos nosos pais, está mais próximo a hábitos, comportamentos e crenzas da Idade Media que o que pode haber entre nós e os nosos fillos, xa non digamos os nosos netos: coñecementos, valores, experiencias vividas... O pasado venres presentamos no Parlamento de Galicia a correspondencia entre Ricardo Carballo Calero (daquela aínda non era Carvalho) e Ramón Otero Pedrayo: 166 cartas cruzadas, escritas entre 1949 e 1974, que constitúen, igual ca outros epistolarios que se teñen publicado entre nós (Manuel Murguía, Filgueira Valverde, Castelao, Luís Seoane, Cunqueiro, Fernández del Riego, Ramón Piñeiro, etcétera) documentos valiosísimos para a comprensión do tempo que os seus redactores viviron, un tempo que en gran medida tamén é o noso, pois forma parte da nosa memoria colectiva.

Mais o que quero subliñar son unhas palabras que no acto pronunciou o presidente do Parlamento, palabras que me fixeron pensar. Miguel Santalices é médico psiquiatra, ademais de político. «Agora xa non se escriben cartas», comentou. «E é unha mágoa, porque as cartas, ben escritas e ben pensadas, teñen un alto valor terapéutico».

Días aqueles… A miña avoa recibíaas do meu tío Antonio dende Caracas e mandaba as fillas que llas lesen unha e outra vez, sobre todo na Noiteboa despois de cear. Cartas repousadas, coidadosamente redactadas. Hoxe o mundo é doutra maneira. En moitas cousas (as máis delas) mudou para mellor. Noutras, non tanto. O tempo de hoxe xa non é nin sequera o do correo electrónico e o Facebook, que son soportes do discurso escrito. Hoxe manda o telegrama. Chíos, cancelos e rechouchíos. Rápido, rápido… Primeiro foron 140 caracteres. Dende non hai moito, 280. Durante catro anos, o presidente da primeira potencia do mundo manipulou a realidade desa maneira, as máis das veces dende a impunidade absoluta, sen que ninguén tivese oportunidade de contradicilo, porque unha vez que pos a andar o tóxico xa non hai ninguén que o pare, nin tempo para comprobar nada, nin para retrucar. Ao final, todo é unha carreira para ver quen saca primeiro, coma nas películas do vello western.

Nestes momentos, o modelo dominante está fundamentado case que nun único principio: o primeiro que chega enche, quen dá primeiro dá dúas veces, o que máis chifra capador, e na vertixe dos medios ao final todo acaba en ruído, cerimonia da confusión, onde hai tanto logreiro especialista. Cando escribimos (tamén cando redactamos cartas) ordenamos o pensamento, que é o principio do logos, a base da razón, e da curación (en palabras do psiquiatra). A racionalidade manda sobre a reacción instintiva do momento, que ás veces difícilmente ten marcha atrás. E necesitamos marcha atrás. Tempo para pensar as cousas, polo menos dúas veces.