A lei Celaá non nos ha coller por sorpresa

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

MIGUEL SOUTO

19 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A principal razón dos bos resultados da educación en Galicia está na aplicación das leis orgánicas, desde hai corenta anos, primando a calidade educativa sobre a rendibilidade política, sexa cal sexa o partido que goberna. A rede de centros nacida como consecuencia da nova estrutura do sistema, establecida pola Logse, achegouse á nosa realidade xeográfica e social cun alto custo político. A admisión dos rapaces nos centros sostidos con fondos públicos vense facendo con criterios de igualdade, como reflicte o feito de que un 85 % do alumnado máis desfavorecido comparte aula co das outras clases sociais, atopándose Galicia no primeiro posto en equidade educativa. A integración dos alumnos con necesidades educativas especiais en centros ordinarios, cando resulta posible, é un feito clásico nas nosas escolas. E por citar outro exemplo, nin estamos entre as comunidades autónomas defensoras en exclusiva do ensino público, nin levamos a extremos a subvención ao privado.

 

Non nos ha coller por sorpresa, xa que logo, a LOMLOE, porque os seus principais obxectivos están conseguidos, pero si temos que preocuparnos outra vez pola clásica teima do PSOE en fomentar a facilidade para o aprobado ou a promoción sen ter acadada unha base imprescindible para ascender con éxito no sistema. As novas arroutadas son permitir a obtención do título de bacharelato cunha materia suspensa; pasar de curso con dúas, aínda que sexan Lingua e Matemáticas ou ben examinar só das materias de 2º de bacharelato na selectividade. Acerta a Xunta de Galicia ao buscar solucións xurídicas para evitar a aplicación destas medidas, que o único que van conseguir é unha redución enganosa do abandono escolar. Teremos máis alumnos titulados pero cunha pésima formación básica, arrastrada ata os estudos superiores, que xa se atopan en niveis moi baixos, sobre todo aqueles polos que optan eses estudantes que veñen a tombos polo sistema.