Recoñecer a lingua

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

19 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Papá e eu estivemos a fedellar no teléfono móbil porque o WhatsApp lle poñía a información en inglés. Imposible cambiar ao noso idioma. De súpeto lembrei que me pasara o mesmo había un tempo. E... cal fora a solución? Sacar o galego como idioma preferente do teléfono e mudalo ao castelán. Así o WhatsApp tamén deixaba o inglés. Unha faena.

 

Protestamos, mais non tiñamos moito que facer. Ou inglés, ou castelán. O galego non é recoñecido por certas plataformas. Hai uns días, o pai dun amigo da miña pequena comentábame que o iOS, o sistema operativo de iPhone, traducíalle (coa corrección automática) ao castelán todo o que poñía en galego. Non ten teclado galego, si catalán! Engadiu: temos que facer algo.

Pensei: Pablo (que así se chama) contra Goliat. Ao tempo, prestoume. Por que non? Todo é poñerse, xuntarse, sumar. Claro que, se hai respaldo institucional, mellor. E, miren por onde, afectoulle á Xunta, que puxo en marcha a campaña #aculturasegue. A rede social TikTok vetouna por non ser o galego unha lingua admitida nesta plataforma, a pesar de ser unha lingua oficial. A Xunta, claro, pediulle á empresa que reconsidere a decisión pero... a saber.

Está moi ben dar recoñecemento á lingua desde as institucións. Pídolles que amplíen a petición a todas as plataformas posibles. É un apoio moi importante. Que isto sirva para interiorizar que, se non lle damos nós valor ao noso, non llo van dar outros. E isto hai que estendelo alén do mundo virtual, interiorizalo á realidade doméstica.