23-F: medo no corpo

OPINIÓN

AFP7 / Europa Press

23 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Catro décadas daquilo. Moi lonxe. Non seríamos capaces de recoñecernos no que eramos. As lecturas presentistas do pasado soen ser parciais, interesadas e mesmo mentirosas. Os feitos do 23-F significaron un antes e un despois no rumbo da democracia que se construia dende a morte do dictador. O golpe revelouse o cabo do tempo como aquelo que provocou a catarse da sociedade española. Dende a óptica que amosa a distancia temporal dos feitos, foi o elemento de ruptura necesario para clarificar o rumbo daquel proceso de Transición. Enorme paradoxa: a tentativa fallida de retornar ó peor do pasado como feito fundacional da nova democracia.

O grao de incertidume foi unha constante nestes primeiros anos. Réxime e oposición construían un camiño no que eran imposibles ter certezas nas accións. Foron anos de forte movilización social. A xente tomaba as rúas de xeito ben activo, porque demandaban a súa cuota perdida de responsabilidade cidadán. Toda esta vitalidade social canalizarase de xeito progresivo cara os partidos políticos e a elección en listas pechadas. Ferramentas institucionais.

No proceso previo a entrada de Tejero no Congreso, na visión dese Suárez que perde a protección do rei —e polo tanto do Estado— ó embarcarse nunha opción de centro esquerda non compartida, comezou a asomar en certos sectores dos servidores do Estado a sensación dun baleiro de poder. De falta de autoridade. O seu substituto, Calvo Sotelo, recoñeceuse sempre, mesmo daquela, como un presidente de Goberno claramente de transición. A misión encomendada ós homes da UCD non era outra que construír os marcos da nova democracia. E non era pouco. Para moitos o seu compromiso co Estado remata coa aprobación da Carta Magna de 1978.

De súpeto, a democracia representada no seu Parlamento é secuestrada a golpe de metralleta. Pegadas de balazos no teito da Cámara dos Deputados que nos seguen a lembrar a súa realidade. Aquel golpe, de compoñente básicamente militar, trasladou a sociedade o acontecido corenta e cinco anos antes, en 1936. Mesmo semellaba que era imposible consolidar un réxime democrático. 1981 distaba só seis anos da morte de Franco: como os anos que durara a última democracia dos anos trinta. O escenario cambia. Reunións secretas a altas horas da noite, teléfonos soando sen parar en domicilios particulares, cañerías atascadas con documentos de filiación a sindicatos e partidos… Sumando todas as historias particulares que nos contan ós historiadores convertiríase nalgo moito máis xeralizado que a anécdota. Sensación de pánico. A ameaza do descoñecido. Cheira a medo.

Semellaba unha sociedade que espertaba bruscamente do ensoño das libertades democráticas acadadas. A presencia dos medios de comunicación —a radio, sobre todo— foi fundamental. Esa noite do 23 de febreiro de 1981 posiblemente sería a de maior audiencia nocturna das ondas españolas. Unha información fiable foi fundamental para manter a esperanza da sociedade española, que se botou a dormir coa inquietude de que país se atoparían ó día seguinte pola mañan.

O golpe do 23F conxelou as expectativas de cambio. As ameazas reais de sublevación militar, como xa é ben sabido, non remataron en 1981. A enorme victoria de 202 escanos do PSOE nas eleccións do 28 de outubro de 1982 veu determinada polo sempre significativo primeiro acto oficial de goberno: a visita oficial do novo presidente do Goberno á División Acorazada Brunete. Moi claro. Ainda de todo o que tiña Felipe González nese momento: líder consolidado, moi ben apoiado pola socialdemocracia europea e mundial, de grande credibilidade, con equipas técnicas ben sustentadas nun traballo sólido de oposición… O shock do 23-F foi enorme. Decisivo. Foron as accións constantes dun Narcis Serra ministro de Defensa durante dúas lexislaturas as que desactivaron un problema constante na contemporaneidade española. Creóuse un novo exército, moito máis integrado no sistema de defensa atlántico, centrado nas accións de pacificación exteriores, e sobre todo de nítido compromiso coa democracia parlamentaria e cos seus representantes. Dende logo a sociedade española de hoxe en día non é aquela de principios dos oitenta. Coas súas complicacións, a día de hoxe, atópase ben establecida dentro do seu contexto como unha peza clave no rumbo da Unión Europea.

Repasar aqueles feitos únicamente dende os escasos arquivos que existen para desenvolver esta temática, ademáis de ser insuficientes, non debe ser o único traballo a realizar. Aquela noite houbo moito medo, pavor a que espertara de novo un pesadelo que semellaba que comenzaba a esquecerse. A desconfianza voltou. O «sempre o mesmo». A sensación de non ter protección. As posibilidades albiscadas de fuxida cara outras terras. O ocultamento ou destrución daquelas redes que se construíron para a liberdade. Aqueles que se atopaban neses meses cumprindo o servizo militar e que agardaban con temor a resolución final dos seus mandos… Era ben real a sensación de que voltaba a dictadura. Retornaba ó presente o 36 cruel e despiadado. Do mesmo xeito que boa parte da xente daquel verán dos trinta decidíu quedarse nas súas casas porque tiñan na súa mente a dictadura de Primo de Rivera, eiquí lembraban o 36. E agora poucos agardaban. Medo no corpo.