O único vicio que tivo o Paco Mariló foi o esquí. Cando vivía en La Seu d’Urgell practicouno con obsesión nos Pirineos. Xa contei que el asegura que, de quedar en terras catalanas, agora sería alcalde desa fermosa vila de Lleida. Bota de menos a neve. E con nostalxia relátame, gintoniqueando, os seus avatares no nordeste de España. Mesmo afirma que en Grau Roig esquiou con Francisco Fernández Ochoa. Era a pista favorita. Esa e Pas de la Casa. Alí era coñecido como o gran esquiador galego. Nunca competiu, pero a súa habelencia intuíase dende o principio: na pista de prácticas non deu controlado o movemento e estampouse contra unha muller loira, alta, fermosísima. O Mariló, que é persoa cortés e educada, avermellouse. Pediu desculpas en catalán. A señora contestoulle: «No se preocupe, caballero, no es la primera vez». Despois mellorou a técnica. Era un colibrí na neve: flotando sobre alfombras de cor branquísima. Ata que chegou o día do regreso. «Había que volver, neno, botaba de menos Queirugás», dime entristecido. No coche viaxaron os seus esquís Rossignol de primeira categoría, carísimos. Aínda están con el. No garaxe da súa casa gárdaos con mimo. Límpaos de cando en vez, especialmente os días en que bota de menos Grau Roig. Onte, sentados fronte aos esquís, case lle caen as bágoas. Eu, para rabuñarlle a melancolía díxenlle que si, que se quedara alí sería o alcalde de La Seu d’Urgell. Pero que aquí somos felices. El miroume. Contestou: «Puiden vivir diso». Eu, esperteino da súa quimera: «Vivir da política municipal é moi difícil, Mariló». Taxativo, dixo: «Da política, non. Do esquí. Eu era mellor que Paquito Fernández Ochoa». Só me quedou calar.