Moito nos queda por dicir do feminismo, moito para que se saiba realmente en que consiste. Non sobra a celebración do 8M, do M8, que se lería como MOito, porque hai moito que facer.
Estes días falamos desta data, por iso quixera aclarar algunha cousa que escoitei. Feminismo non é levar as pernas sen depilar: é decidir se quero facelo ou non. Tampouco é tirar ao lixo os zapatos de tacón: é utilizalos se quero. Feminismo non é inutilizar a barra de labios: é usala só se me peta.
Non consiste en criticar todo o que non é idéntico ao meu pensamento. É respectar os demais e que nos respecten como mulleres, coas decisións que nós, de maneira voluntaria e libre, tomemos.
Feminismo non é berrar que todos os homes son uns inútiles e uns maltratadores. Pero si é certo que nel só caben os que consideran as mulleres coma un igual, nos valoran e teñen en conta.
Feminismo é construír, sumar, artellar unha rede de igualdade confeccionada precisamente por todas as que somos diferentes, pero que nos protexemos, axudamos e respectamos. Por todas as que, non o esquezamos, nos necesitamos.
Hai máis dun século que esta loita saltou á vida social. Avanzamos nalgúns conceptos, pero queda por facer. Parece incrible que, sendo capaces de chegar ata o planeta Marte, nisto aínda vaiamos a paso de tartaruga.
O feminismo debera deixar de ser unha loita unilateral das mulleres para converterse no camiño común que nos faga progresar.
É a única maneira de construír un mundo mellor, máis xusto e equilibrado.