Estudantes da xeración covid

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

PEPA LOSADA

12 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

No contexto dos indicadores educativos enténdese por fracaso ou abandono escolar a porcentaxe de mozos de 18 a 24 anos que remataron a ESO, pero non conseguiron finalizar a educación secundaria postobrigatoria; é dicir, bacharelato ou formación profesional. A Unión Europea pretendía que este índice fose como moito no ano 2020 dun 10 %, chegando en Galicia ao 12 %, mentres que a nivel estatal non se baixou do 16 %. Aínda que pareza paradoxal, a este descenso contribuíu a pandemia, pois medrou o número de titulados con respecto ao ano anterior, debido á rebaixa da esixencia académica por causas como a falta de formación e de seguridade dos docentes nas novas tecnoloxías ou a carencia de medios técnicos e de capacitación de moitos alumnos.

Ademais de aumentar o número de titulados, diminuíron as repeticións de curso, indicador no que a pesar do constante descenso dos últimos anos seguimos estando bastante por riba da media dos países veciños. Pero nas actuais circunstancias estes datos resultan falsos, pois o feito de que haxa máis estudantes que titulan ou menos que repiten non significa que aumentase o seu nivel formativo, senón ao contrario, que se promocionou a moitos sen ter acadada unha avaliación positiva ou ben que foi inevitable reducir contidos, con carácter xeral, en materias esenciais. Esta situación empeza xa a crear problemas neste ano académico, xa que alumnos que ascenderon sen as competencias necesarias están integrados en cursos que non lles corresponden, ademais do descenso xeral do nivel académico. O profesor vese obrigado a alterar a programación para facer constantes repasos que frean o normal avance educativo e para intentar recuperar ao alumnado máis desfavorecido.

O mal continúa cara arriba, pois ao terse aberto a man na selectividade, aínda máis do habitual, moitos estudantes están a acceder á universidade con grandes carencias de base, xa irrecuperables. E como esta institución se atopa inmersa tamén nun proceso de flexibilidade, polas mesmas razóns expostas, sairán dela titulados superiores cunha preparación peor da que había, que xa é dicir. Han ser coñecidas como as «xeracións covid», que engrosarán os indicadores de titulados e de non repetidores, pero tamén as do auténtico fracaso escolar e mesmo do paro xuvenil.