Madrid

OPINIÓN

A.Martínez Vélez. POOL

25 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Nas teses de moita xente circula esa escura pretensión de suprimir institucións que procuran reducir o número de políticos coma un mal estendido. É doado poñer o foco nos malos exemplos para secundar estas teorías que, queirámolo ou non, van tamén contra nós mesmos. Alguén pode pensar que a Galicia lle iría mellor se non houbese un goberno propio e nos dirixisen exclusivamente dende Madrid? Quen falaría de nós e por nós? Unha noite soñei que iso acontecía e toda a nosa existencia, en cotas de aparición nos medios, se reducía a traxedias marítimas e a unha especie de NODO que, no verán, recollía a chegada de políticos madrileños a Sanxenxo. Mais ese soño non é involuntario, porque, se un atende ao que aparece nos medios, Madrid capitaliza todas as novas, coma se o interesante sempre pasase nesta cidade, marabillosa por certo, onde teño familia política e onde traballei uns anos. O que rexeito é esa obsesión por centrar aí todos os problemas do país. Non esquezo os anos que vivín en Madrid, con Esperanza Aguirre usando o tema do terrorismo nos partes da televisión autonómica, coma se o maior problema da súa comunidade estivese en Euskadi. Agora Ayuso volve introducir o tema de ETA cunha saudade que arrepía e un pregúntase non tanto por que a esquerda non é quen de se poñer de acordo para facer unha fronte común de ideas, senón por que teiman en converter a caída da presidenta madrileña en obxectivo case único das vindeiras eleccións. Sen querelo, coido que están a reforzar o seu liderado, por moi simple que poida parecer a teor da súa retórica populista. En fin, haberá que agardar a que falen de programas, pero moito me temo que do que vai tratar a campaña non é de políticas nin de ideoloxías, senón de persoas. E verémolo, porque acontece en Madrid.