Tiven a fortuna de traducir sempre escritores mortos, así que non sei que dirían de min Albert Camus ou Jean Genet se tivesen que ver o meu careto de galega, loira e muller ao carón doutros méritos secundarios como coñecer as súas obras literarias, a súa lingua orixinal e mais a miña, á que vertín algunhas das súas páxinas máis memorábeis. O meu activismo seguramente lles parecería ben. «Heterosexual, marxista... Non está mal -diría Camus-, mágoa ese feminismo tan pronunciado». Genet contestaría: «Polo menos non nos colocaron unha abstemia». Por sorte estaban criando malvas, coma agora os seus textos en galego, que agardan nun almacén unha boa polémica.
Así é o caso Amanda Gorman, unha poeta que, podendo ser famosa só por acceder ao Olimpo de recitar na investidura presidencial de Joe Biden, preferiu vetar dous tradutores por non seren negros, activistas e binarios. Tanto ten. Cadaquén elixe o que é: celebrity ou boa escritora? Gorman é desas que pode permitirse o primeiro porque o segundo é o que lle garante cousas nada fáciles para quen nos dedicamos a este vello oficio: seleccionar traducións e mesmo renunciar a elas en función dunha atención maior que as exiguas vendas dos seus poemas en neerlandés ou catalán. A súa mensaxe antirracista chega moito mellor ao seu destino agora que todas falamos do veto e nos botamos ao Google Translator para lela.
Entrementres, os danos colaterais campan pero non mancan. Que tería sido da miña traxectoria se Camus vivise e me vetase? Alguén alén do Telón de Grelos buscaría en Wikipedia as miñas marabillas só co fin de desacreditalo, pero eu sería igualmente esquecida, triste sino de todo tradutor. Mais a mensaxe inigualábel dos grandes autores perdura, entre as malvas.