O Estatuto que vivimos

Nieves Lagares
Nieves Lagares PUEBLOGALLEGO

OPINIÓN

Manifestación pola autonomía, en 1979, na Coruña
Manifestación pola autonomía, en 1979, na Coruña XOSÉ CASTRO

O Pacto do Hostal foi, por riba de todo, un pacto entre dúas xeracións de galegos. Para uns era un punto de chegada, un legado; para outros, o punto de partida para as súas vidas e as dos seus fillos

25 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O 11 de decembro de 1979, un novísimo Ramón Maiz, axudante de dereito político da USC, firmaba nas páxinas de La Voz de Galicia un artigo baixo a título A transitoria terceira: liquidación do EstatutoDicía Maiz: «Cómpre en troques, diante da ofensiva desatada para presentarnos o Estatuto galego como equiparabel aos catalán e vasco e aínda como máis perfecto tecnicamente, sintetizar os dous elementos decisivos e comprobar ata que ponto a devandita disposición transitoria terceira hipoteca, rebaixa e recorta a Autonomía galega verbo das posibilidades de autogoberno recollidas na Constitución».

Efectivamente, a UCD decidira que a autonomía que hoxe coñecemos debía estar reservada a Cataluña e ao Pais Vasco; a ofensiva de Madrid, con todos os medios de goberno e comunicación, transmitía, como unha fake new da época, que o Estatuto galego «racionalizaba» a autonomía; e o recorte do autogoberno non era só unha rebaixa do que propoñían os galegos; era unha fonda interpretación limitativa e interesada do alcance da Constitución.

Ramón Maiz tiña 26 anos, estaba comezando a súa carreira académica, e como tanta xente nova do seu tempo, implicado en mente e corpo na construción social e política da nova Galicia; porque aquela xente nova sabía que o país que se estaba a construír era o seu, o que lles tocaba vivir a eles.

Corenta anos despois, Galicia fíxose máis vella, e aqueles homes novos -porque eran todos homes- que construíron a autonomía deste país tamén avellentaron. Algúns como Anxo Guerreiro, Ceferino Díaz ou Isaac Díaz Pardo xa nos deixaron; outros coma o presidente Emilio Pérez Touriño ou o vicepresidente Xosé Luís Barreiro tiveron despois a responsabilidade de conducir o país. Non estaban sós. García-Sabell, Rosón, Meilán, Iglesias Corral, Luis Ortiz, ou Pousa Antelo e tantos outros, estaban alí; incluso Camilo Nogueira, reticente do engano programado dende Madrid, estivo alí, dende a súa convicción nacional, loitando polo Estatuto posible.

O Pacto do Hostal foi o pacto das forzas galegas que aceptaban a Constitución e o Estatuto como marcos de construción desa nova Galicia. Pero, por riba de todo, foi un pacto entre dúas xeracións de galegos: os que situaban no autogoberno a súa aspiración histórica, e os que o entendían como a súa expectativa vital. Para os primeiros era un punto de chegada, un legado para as xeracións vindeiras; para os segundos, era o punto de partida para as súas vidas e as dos seus fillos.

A supresión da transitoria terceira, número 2; do requisito do 3 % do censo electoral, ou da referencia ao artigo 28 no artigo 30, entre outras, foron fundamentais. E aínda que a maioría dos galegos descoñezan os tecnicismos, si saben que a nosa capacidade de autogoberno gañámola xuntos, poñéndonos de acordo, non só fronte aos 18 votos da UCD que propiciaron a aldraxe, senón fronte a ese madrileñismo xacobino, de onte e de hoxe, que é tan nacionalista coma os nacionalismos periféricos, e segue a constrinxir os límites da Constitución como o facía entón.

Pedro Arias, Xaquín Álvarez Corbacho, Alfonso Bozzo, Claudio Movilla, Ramón Maiz e Pérez Touriño, como sinalou Leoncio González no seu artigo de La Voz de 14 de decembro de 2005, foron os membros aos que Anxo Guerreiro encargou, no PCG, a redacción do primeiro proxecto de texto estatuario que viu a luz, e que serviu coma referencia para todos os posteriores. Un grupo de xente que apenas superaban os 30 anos estaban a deseñar as normas que lles permitirían autogobernar as súas vidas.

Antonio Rosón foi un dos primeiros en acoller aquel texto con beneplácito. Entón, os comunistas, os socialistas e os populares, e mesmo os da UCD de Galicia, enfrontados a Madrid, foron quen de construír xuntos o futuro deste país.

Pero este non é o Estatuto da vida dos millennials, non é o da Galicia en Europa, non é o do mundo globalizado, nin o do mundo dixitalizado. Galicia ten un Estatuto que vai moi por detrás do tempo vital da xente de hoxe, un estatuto que non pode autogobernar a vida da xente nova senón limitándoa, un estatuto comparativamente atrasado respecto dos do resto de España.

Unha xeración de galegos novos e novas ten que deseñar o Estatuto co que queren autogobernar as súas vidas, e soño con que detrás deles estean, outra vez, todos e todas, abrindo a Constitución, enfrontando o xacobinismo dos seus partidos, construíndo sobre o que xa conseguimos, e non volvendo a poñelo en dúbida. Porque esa será a maior homenaxe e servizo que podemos render á Galicia e ao Estatuto que vivimos.