Por que conmemorar o 14 de abril

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

ARQUIVO ALFREDO PARDO

20 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Por que a democracia debe conmemorar o 14 de abril, esa é a pregunta. A semana pasado falouse e escribiuse moito do 90 aniversario da proclamación da Segunda República e, como acontece cada vez con máis frecuencia, desatáronse relustros e centellas nos medios, nas redes e nas Cortes sobre o que a República foi. Un síntoma da regresión política e cultural que experimentan algúns intelectuais empeñados en desfacer o que eles mesmos chamaban os «logros da transición», tamén de certo sector da sociedade que expresa unha idea do pasado en liña coa que hai corenta anos tiña o que se chamaba franquismo sociolóxico, a mesma regresión deses políticos da dereita que compiten cos da extrema dereita en parecerse a Serrano Suñer sen bigote. Hai corenta anos podía entenderse esa deformada visión do pasado como restroballos ideolóxicos do réxime anterior, en pío eufemismo da época, pero hoxe resulta disparatada ou interesada ignorancia histórica.

Cómpre comprender o que pasou en 1931 fora da actual disputa ideolóxica e política, que por ser humana é omnívora -coma os cochos- neste tempo electoral madrileño. A mellor forma de explicar aquel acontecemento democrático que nos fundamenta é pensando nas capas da cebola. A primeira capa é a da República que se proclama, a segunda é a da monarquía que caeu, a terceira a da Ditadura que foi derrotada, a cuarta a da mobilización electoral que logra gañar as eleccións municipais nas cidades, a quinta foi a grande mobilización social, sindical, política, intelectual e xeracional que está detrás das catro capas previas. Non serve escoller o anaco que máis interese.

Todos os intelectuais que poidamos lembrar daquela época, de Unamuno a Ortega, pasando por Clara Campoamor, protagonizaron aquela mobilización contra a Ditadura, na que tivo papel principal a xuventude universitaria da FUE, a mesma que protagonizou a Xeración do 27 e a ciencia do nobel Severo Ochoa. A suma desas cinco capas significou a recuperación do pluralismo constitucional suspendido en 1923 polo ditador. Antigos liberais, antigos conservadores e reformistas da Restauración, por suposto os republicanos, sumáronse á idea de República como única garantía de democracia constitucional, despois da ditadura..

Ten máis xeito celebrar que negar aos precursores. No tempo das ditaduras de entreguerras, os nosos bisavós protagonizaron algo que os seus netos non conseguiron: que fora o ditador quen se exiliara, seguindo os pasos de Isabel II. Tampouco era a primeira vez. 0 14 de abril foi a derrota dunha ditadura pola democracia. Pero, como di Sebastian Faber no seu último libro, algúns prefiren identificarse política e persoalmente cunha imaxe do pasado de España que senten emocionalmente conectada coa súa propia idea. A historia non é iso que proxectan.