![](https://img.lavdg.com/sc/ODL23RQNwwF7euEMZ3LiZOtbgYk=/480x/2021/05/01/00121619874601861361759/Foto/SYY8P16F1_15832.jpg)
Corren tempos duros pola pandemia, da que espero que teñamos aprendido polo menos dúas cousas. Unha, a importancia de ter unha boa medicina e coidar os nosos sanitarios e o noso sistema de saúde que, por certo, estase a comportar dun xeito admirable. A segunda, a importancia da investigación biomédica, e un exemplo foi o desenvolvemento das vacinas nun tempo récord a partir de avances moi importantes en investigación de tecnoloxías de ácidos nucleicos e nanomedicina levados a cabo nos últimos anos.
A investigación depende de investimento privado e público e é un reto do noso país achegarnos á media europea, da que estamos aínda moi lonxe e moi por debaixo de países irmáns e veciños como Portugal.
Pero tamén en todos os países occidentais o funcionamento dos grupos públicos de investigación depende moito do mecenado, no noso pais aínda moi por debaixo tamén da media europea e xa non digamos de países como Estados Unidos.
Eu teño que recoñecer que son un afortunado e a Fundación Amancio Ortega, a Fundación María José Jove ou a Fundación Botín, ademais doutros particulares, prestan ou prestáronnos axudas esenciais para o noso traballo. De todos haberá tempo de falar.
Pero hoxe quero falar da Fundación Barrié e dunha anécdota que poucas veces contei e que marcou moito a miña vida.
Cando rematei a carreira de Medicina, por máis que conseguira o premio extraordinario da licenciatura e me encantara a carreira, tiña moitas dúbidas do que facer. Gustábame a investigación e o primeiro contacto co laboratorio ensinoume ben a necesidade de formarme. Vin a oportunidade de facelo cando conseguín unha praza (das poucas que se ofertaban a estudantes de fóra dos países escandinavos) nun curso de posgrao de moito prestixio na Universidade de Uppsala, en Suecia. Para un aspirante a xenetista era un soño: Carlos Linneo, o pai da clasificación das especies, fora profesor alí, a maior parte das técnicas de separación bioquímica foron descubertas alí, pero o curso era tremendamente caro e eu vivía cunha bolsa de FPI que non me chegaba para ir, pagar a matrícula e nin moito menos vivir alí.
Meu pai traballaba no Banco Pastor de Santa Comba e aos fillos dos empregados dábannos bolsas de estudos durante o bacharelato, e por iso a min ocorréuseme escribirlle ao vicepresidente da Fundación Barrié, Joaquín Arias, contándolle a miña situación. Contestoume aos poucos días dicindo que tiña aberta unha conta no banco para que gastara o que precisara e me fixera un bo xenetista e investigador. Isto permitiume ir alí, aprender e creo que fun o primeiro bolseiro de posgrao da Fundación Barrié. Máis adiante, a Fundación Barrié axudounos tamén noutros proxectos, pero o primeiro marcoume a vida.
A labor da Fundación Barrié, obra de Pedro Barrié de la Maza, en moitos ámbitos foi moi importante, pero as bolsas de posgrao permitiron que mozos e mozas con talento puideran desenvolvelo e máis de 15.000 beneficiámonos ata agora das axudas da fundación.
É necesario que fagamos visible o valor do mecenado, conseguir que eses pioneiros en pensar que podían devolver deste xeito á sociedade o que dela recibiron (porque ben podían non facelo) teñan un recoñecemento social, e que oxalá se espalle o exemplo e teñamos, como noutros países, moito máis diñeiro de mecenado para investigación, que tan importante é para o progreso.