Biden e as vacinas, unha idiotez

OPINIÓN

DADO RUVIC | Reuters

12 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Pouco a pouco imos coñecendo algo máis de Joe Biden, o novo presidente dos EE.UU.: que é católico e acode á misa dominical, que leva un rosario no peto, que usaba moito o tren -de aí o seu alcume de Amtrak Joe-, que é algo tartamudo... Agora sabemos algo máis: que é idiota. Si, os analistas ligados á industria farmacéutica lévano advertindo desde que a representante de Comercio Exterior estadounidense, Katherine Tai, declarase o apoio á suspensión das patentes das vacinas contra a covid-19. Esta petición fora presentada en outubro de 2020 por India e Sudáfrica no consello dos ADPIC (Acordo sobre os Dereitos de Propiedade Intelectual relacionados co Comercio), no seo da OMC. Esta proposta foi acadando apoios, ata 103 ata a semana pasada, pero insuficientes dado que as decisións na OMC, que ten 164 membros, se toman habitualmente con consenso.

A cousa estaba en vía morta ata que hai uns días Jake Sullivan, asesor de Seguridade Nacional de Biden (si, o mesmo que lle musita ao oído ao comandante en xefe «temos que invadir tal país»), declarou que as vacinas tiñan que venderse a prezo de custo. E, ao día seguinte, a citada Katherine Tai rompeu a baralla: Biden apoia a suspensión de patentes! Que parvo! Non se dá conta de que as novas vacinas de ARNm son moi complicadas de facer? Aínda que se liberen as patentes, ninguén saberá fabricalas! E incluso das restantes van aparecer mañá novos fabricantes? Non, verdade? Daquela para que esta movida?

Esquecen estes profetas do «xa cho dicía eu» que se a proposta fose aprobada cando a presentaron India e Sudáfrica, levaríamos xa 180 días traballando para incrementar o número de fabricantes e a produción. Esquecen tamén que India ten unha industria farmacéutica competitiva, que sabe de sobra que vacinas podería fabricar. Esquecen tamén que as modernísimas Pfizer, BioNTech, Moderna, Janssen, AstraZeneca ou Novavax que desenvolveron vacinas recibiron decenas de miles de millóns en subvencións ou compras anticipadas. Fágase o mesmo cos novos fabricantes! Foi o que fixo, por exemplo, a Fundación Gates, que en marzo de 2020 lle concedeu 270 millóns de dólares ao Instituto Serum da India para unha nova planta de fabricación, hoxe a pleno rendemento.

E por suposto, que Joe Biden non é un cándido grumete metido na caza de Moby Dick. Se toma unha decisión non é para facer o ridículo. Será porque haberá medidas complementarias que faciliten o obxectivo de aumentar a inmunización mundial contra esta pandemia asasina. Iso agardamos.