Un 15M para a lingua galega

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Cézaro De Luca | Europa Press

18 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Estamos a voltas do que foi o 15M, se trunfou, se fracasou, se xa remataron os seus efectos. Facendo unha lectura histórica do presente non costa traballo definilo como unha revolución deste tempo. Chamarlle fiestra de oportunidades non dá conta do que foi. Enténdese mellor na lóxica dos grandes cambios históricos que na lectura presentista das pequenas mudanzas. Foi unha reacción inesperada e rotunda que mudou moitas cousas. Tamén foi fugaz no tempo. Por iso encaixa coa idea dunha revolución na forma do século XXI, máis parecida á do 68 que á francesa, soviética ou inglesa que deron nome e relato ás revolucións históricas contemporáneas. Non hai revolucións permanentes, agás na idea de Trotsky, no invento de Mao e na nostalxia falanxista da revolución pendente. A revolución conxelouse, escribiu con tino Louis de Saint-Just. O 15M tivo o seu Termidor e aínda poderá ter o seu Brumario, o que non tivo foi violencia. Velaí a novidade das revolucións protagonizadas pola mocidade occidental na posguerra mundial. Con matices.

O que houbo en maio de hai dez anos foi unha resposta á crise e as expectativas dunha xeración. Un complexo movemento socio político e cultural que deixou marca neses tres campos. Non tanto no económico, pero esa contribución aínda podería chegar alimentando a necesidade da transición ambiental que máis que xa é gobernamental. O que faltou nesta revolución, a diferenza da francesa ou a soviética, foi a visión de traballar para a humanidade desde valores universais. Por iso e por presentismo moitos pensarán esaxerado considerala unha revolución. Pero como aquelas encaixa nun ciclo histórico revolucionario que lle deu carácter: as primaveras árabes empezaran en decembro de 2010, antes a grega da praza Sintagma e as ondas chegaron ao norte do continente americano e mesmo viñan xa do sur e da mobilización indíxena que levou ao goberno á nova esquerda andina e brasileira.

A mocidade do 15M, cunha dirixencia política plural, igualou á esquerda e á dereita bipartidista como algo a superar pola súa falta de respostas; recuperou o concepto de clase, adaptado e resumido en arriba-abaixo, casta-xente, e logrou rachar o bipartidismo aplicando unha máxima xa esquecida: facer o contrario de Esquerda Unida. Foi unha revolución que tivo efectos impensables no sistema político. Rexuveneceu tanto os dirixentes políticos que tapou a unha xeración que se comporta como o repugnante que non entende nada, e saltou outra que ou se adapta ou se esvaecerá sen aportar ren. Fixo intolerable aquela corrupción que era coñecida e aturada. E rachou algúns mitos, outros veremos pronto se seguen vivos. O 15M foi o dereito exercido por unha xeración que, lembremos, comezou a coller forma política en Galicia nas eleccións de 2012. Sempre tan precoces. Ollemos para o estado agónico da lingua e lembremos de facer.