A presentación da Axenda 2050 destacaba a vontade do Goberno de reducir a produción e consumo de carne para supostamente mellorar a saúde dos cidadáns e loitar contra o cambio climático. Esta «dieta milagre» podería quedar nunha proposta disparatada máis das Administracións, que tratan de regular todo menos o que é necesario, senón fora o colofón dunha campaña de desprestixio da gandería, que ten a súa propia axenda, e que se ampara baixo xerga presuntamente científica co fin de lexitimarse diante da cidadanía invocando obxectivos ambientais. Unha sorte de falacias que atacan o sector agrogandeiro, sen dúbida o máis comprometido coa sustentabilidade do planeta, a loita contra o cambio climático, a produción de alimentos de calidade para os cidadáns, e cos obxectivos do benestar animal.
Se España ten agora unha das maiores esperanzas de vida do planeta vén derivado en gran medida da mellora da dieta da poboación, onde os produtos cárnicos e lácteos xogan un papel moi importante. Por suposto que todos os elementos da dieta se teñen que consumir con moderación e en proporciones axeitadas. Pero pretender ignorar o papel dos produtos cárnicos e lácteos na mellora da saúde e da lonxevidade dos nosos cidadáns, só se pode facer dende a falta de veracidade e a mala conciencia.
Dicir que o vacún de carne galego compromete a viabilidade do manto vexetal resultaría cómico se esas declaracións non comprometeran a viabilidade de explotacións que son o único activo económico en moitas comarcas. En Galicia os ecosistemas de pastos polas súas limitacións naturais non teñen posibilidade de transformarse en cultivos, pero si en forraxes que non son directamente comestibles para os seres humanos polo seu carácter celulósico, pero si aproveitables polo gando para render carne e leite da mellor calidade.
Asemade, os pasteiros, xunto ás terras de cultivo, son o mellor cortalumes natural que produce descontinuidades da biomasa no territorio e que así protexen de forma estrutural as nosas masas forestais. Se hai un problema medioambiental en Galicia son os incendios forestais, nos que o manexo axeitado do gando é unha peza fundamental da prevención. En canto as emisións de gases de efecto invernadoiro, vaia por diante que a dixestión dos ruminantes é un proceso natural que se desenvolve dende o principio dos tempos nos ecosistemas, e que non incrementa as emisións netas de metano na atmosfera, xa que este gas acaba oxidándose na atmosfera para producir CO2 que volve ser captado polas plantas, pechando así o seu ciclo natural de retorno á biosfera.
Que en España se poida facer o xogo a estes intereses de multinacionais dos alimentos ultraprocesados resulta inmoral nun momento en que o sector produtor está a pasar moitas dificultades como consecuencia da retracción da demanda pola crise do covid-19. Urxe pois unha rectificación e unha pedagoxía social, que se basee nunha mellor relación das propostas políticas coas realidades e os feitos que establece a Ciencia. Fuxindo por tanto dos marcos reducionistas sometidos a axendas de grupos de presión con intereses que non coinciden cos do ben común.