A dor colectiva

OPINIÓN

María Pedreda

16 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai noticias que poñen un arrepío no corpo porque resulta case imposible estirar a imaxinación para albiscarmos a escura pulsión que pode mover o ser humano a matar un fillo. O máis doado é situalo no eido da loucura e non nunha violencia de xénero que segue a ser un andazo da nosa sociedade. Unha vez máis temos que encadrar o caso na propia maldade de quen estremeceu de odio cara a unha muller que consideraba da súa propiedade e lle fixo o maior dano que se lle pode facer a unha nai, que é matarlle as fillas. Horrible. Pobre Beatriz. O dó é algo físico e a morte redúceo todo a un trauma que pode parecer unha porta pechada, sobre todo para ela, que até hai pouco tiña a furiosa convicción de que as súas meniñas estarían vivas porque o seu pai as secuestrara para fuxir con elas. Non podo imaxinar o seu sentimento de irrealidade, ese coitelo esburacando no peito, a súa incapacidade para aceptar a verdade. Síntoo, coido que todos o sentimos por Beatriz, que ten que estar desfeita e talvez só ansíe converter a súa dor en algo íntimo e privado, gardando nos recantos da memoria o rastro dun aceno suave, un sorriso, unha frase entrecortada ou un bico das nenas. Pero, como moitas outras veces en que os casos transcenden, por brutais e inimaxinables, sospeito que nos vindeiros días, moi ao seu pesar, os nomes das fillas seguirán formando parte da nosa dor colectiva e, por desgraza, tamén dun espectáculo informativo que non reparará en sensacionalismos que darán cabida a outras cuestións macabras que non axudarán a esta pobre nai a canear o pesado desalento que deixan unhas mortes tan duras. E é probable que só a deixemos descansar en paz cando unha nova traxedia veña substituír a súa. Agardemos que non.