![](https://img.lavdg.com/sc/f5Xsi7lMJvtPpRjeGbCY2XJqVAo=/480x/2021/06/30/00121625066945048181398/Foto/eup_20210628_103900585.jpg)
Nun tempo no que a nova política faise vella aceleradamente e no que a antipolítica encarnada por Trump fai tremer os alicerces da democracia máis antiga tentando converter un partido de 170 anos como o republicano nunha organización que cuestiona abertamente as regras de xogo, o PSdeG ten para Galicia unha función máis importante que nunca: ofrecer razóns fronte á emoción efémera; fronte ao populismo, políticas para mellorar sostidamente a sociedade, con ambición pero sen falsos remedios máxicos nin atallos que só levan ao extravío ou ao precipicio.
Se atendemos ao conxunto de resultados en eleccións xerais, autonómicas e locais, o PSdeG segue a ser o segundo partido de Galicia, polo que aposta unha parte importante da sociedade que cre na posibilidade de cambio e na nosa capacidade para progresar superando o inmobilismo no que Galicia leva décadas. É o partido que goberna 5 das 7 grandes cidades, 3 deputacións e ao 55 % da poboación galega desde 113 concellos; o partido que ten 10 representantes no Congreso comprometidos con melloras tan importantes como a rebaixa histórica das peaxes da AP-9 ou a finalización inminente das obras do AVE, ralentizadas na época de Ana Pastor; o partido que traballa en Santiago, Madrid e Bruxelas a favor da cidadanía galega.
Gonzalo Caballero é un líder novo en crecemento, con destacada traxectoria profesional previa á súa entrada na política e no Parlamento, no que leva menos de 2 anos fronte aos 17 de Pontón ou os 16 de Feijoo. A dura aprendizaxe que outros fan nunha década, el fíxoa aceleradamente nun contexto político moi difícil: cinco procesos electorais, as primeiras eleccións suspendidas da democracia, unha campaña autonómica en pandemia que desembocou nunha abstención histórica e unha crise sanitaria, económica e social sen precedentes. Nesas tormentas, Gonzalo Caballero foi quen de manter o rumbo dunha organización política que, con el como líder, mellorou en todas as convocatorias electorais dos últimos catro anos.
Enquisas recentes amosan que o PSdeG está en condicións non só de manter posicións nas distintas eleccións xerais, autonómicas e locais, senón de seguir crecendo. Na última de Sondaxe para autonómicas, na que PP e BNG perderían escanos, a intención directa de voto do PSdeG aumenta desde xaneiro, igual que a valoración do seu líder, a que máis medra neste ano. Son só enquisas, pero estamos convencidos de que a progresiva reactivación e certa perspectiva dos acontecementos permitirán apreciar que un PSdeG consciente da necesidade de evolucionar é a única alternativa para apostar por unha Galicia de futuro que, crendo en si mesma, non se resigne á parálise e a manter políticas que só benefician -e cada vez máis- aos de sempre en detrimento da maioría. Por iso, na vindeira cita electoral, nas municipais e xerais de 2023, poderemos consolidar os excelentes resultados acadados en 2019. Porque temos un proxecto para servir a Galicia.