Torito

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

Olaf Kraak / POOL

01 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O primo Gerardo ten días bos e outros moi bos. Non lle coñezo día malo. Mesmo, nas épocas de sombra, representa o mellor dos antídotos contra a tristeza: el, para que eu ría, cambia as palabras que definen a realidade. Que importa a realidade! O sábado chegou á casa emocionado. Saen, el mais o Berto, na exposición dos cincuenta anos do Verín Club de Fútbol. Coas súas bufandas, felices. Hala Verín! A emoción levouno a comentar o partido de oitavos de final entre Gales e Dinamarca. Sempre que Gareth Bale tocaba o balón, o Gerardo asubiaba. No descanso apareceu Figo nun anuncio publicitario. Pensei que o primo Gerardo comía o televisor. Menos mal -­murmurei sen abrir a boca- que non apareceu o Ronaldo, nin Florentino Pérez, nin Ramos, nin calquera outro que tivese a mínima relación co Real Madrid. A branca non é a súa cor. Despois, zapeando, apareceu Ana Torroja. Dixo que a coñecía pero que esa música non era a súa. Tireille da lingua. «Eu son de don Antonio, neno», díxome. «Antonio Machado?», preguntei con ironía. «Don Antonio Molina», respondeu de contado. De Molina pasou a outro dos seus referentes, El Fary. E pouco a pouco ían caendo goles contra Gales, ou sexa, contra Bale (a branca non é a súa cor). Seguín indagando nas preferencias melódicas. Pregunteille pola súa canción favorita. Non o dubidou: «El torito», contestou. Dinamarca xa ganaba tres a cero. O Gerardo seguía feliz comentando as incidencias do partido. Cando marcaron o cuarto gol non resistiu o ímpeto. Levantouse. Cantou: «Ay, torito toro sale por la noche/ Ay, torito toro y vuelve cansado». Foi exactamente o que dixo. Non se parece en nada ao orixinal. Pero qué importa a realidade. Ay, torito toro!