O galego: unha lingua de carácter universal

Camilo Nogueira INTELECTUAL, INXEÑEIRO INDUSTRIAL, LICENCIADO EN ECONÓMICAS Y EN CIENCIA POLÍTICA

OPINIÓN

PACO RODRÍGUEZ

12 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Configurada no noroeste peninsular á altura do ano 600 sobre a base do latín, a lingua galega nos textos máis antigos conservados permite dar conta de como virara nun sistema complexo, funcional e produtivo constituíndo o camiño para chegar a tal cousa (Henrique Monteagudo). Integraría a Galiza Maior (Joseph M. Piel) o espazo das actuais Asturias, un sector de entre Douro e Miño, tocando Vila Real, indo acabar no curso do río Vouga (Carlos Filipe Nogueira).

 

Tendo considerado os límites da provincia de Gallaecia do Baixo Imperio, os límites do Reino de Galiza produciríanse no século XI. Xa en 1300 as crónicas manifestaríanse tanto pola lingua como pola produción literaria escrita. O alto grao de madurez conseguido faríase visíbel á altura de 1600. Seguindo a Fernando Venâncio, «o noso idioma foi desde o seu inicio unha creación galega»: o resultado «dunha creación propia». «O portugués sería unha forma de falar dentro do galego».

A partir da emerxencia do actual Portugal e gobernado o territorio galego do norte do Miño polo Estado español, malia ser mantida durante séculos polos galegos e as galegas, a lingua sería negada no uso polas entidades políticas, económicas, eclesiásticas ou escolares. Aínda sendo coñecedoras das dúas linguas -o galego e o castelán- as clases galegas gobernantes na Corte non asumían o ser e os intereses de Galiza.

O galego-portugués evoluiu no territorio que se estende polo norte de Galiza, chegando á fronteira do Miño e por Portugal, Brasil, Mozambique, Angola, Guinea-Visseu e Santo Tomé e Príncipe, ademais de na India, o Timor Oriental e Macau en China. Sen esquecer a influencia galega en Zamora, Salamanca, e a banda galega da actual Huelva. En Salamanca estaban os sínodos composteláns. Naquel tempo desde Santiago a Salamanca mantíñase unha firme relación cultural co centro de Europa. (Unamuno ficou sorprendido da semellanza entre Compostela e Salamanca, na que residía tamén o arcebispo de Santiago).

Malia os galegos teren contribuído particularmente na acción do Estado na Idade Moderna, tanto na Península como en Europa e América, o poder español ignorou o feito da nosa lingua pertencer a unha cultura e a unha realidade social abrumadoras. Tampouco integrou o feito de seren principalmente galegos os que foron enviados para participar nas batallas do poder español en Europa e en América.

É significativo considerar que en 1800 Galiza tiña moitos máis cidadáns que Madrid -daquela catro ou cinco veces máis-, pero sufriu unha drástica redución dos seus habitantes durante dous séculos por causa da sistemática negación polo poder da súa realidade poboacional e pola da emigración forzada. De non ter sido como o foi, hoxe Galiza tería sen dúbida máis habitantes que Madrid ou Cataluña.

Debeu chegar o tempo de 1981 para a lingua de Galiza ser recoñecida como tal a partir dos debates habidos no seu Parlamento durante os primeiros anos, aínda así non como correspondería.

Sabendo que no estrito territorio de Galiza a lingua propia é falada habitualmente por todos os que residen nel e na chea dos habitantes galegas en Europa, América do Sur, en África e para alén. Todo dentro da histórica criazón de Galiza e da lingua das Cantigas de Santa María, falada polo rei Afonso X O Sabio gobernando desde o centro da Península coa súa muller, Violante de Aragón, enterrada no convento de Santa Clara en Allariz.