Resiliencia

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

JON IRAOLA

23 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O soño repítese desde hai un ano. Van cambiando algunhas cousas, pero o final é sempre o mesmo. Ás veces estou perdida, no medio do monte, e aparecen camiños que, cando os collo, lévanme ao mesmo sitio do que quero escapar. Corro, berro, súo, angústiome, e nada, non consigo saír de alí. Outras veces coñezo o espazo, un lugar no que traballo ou traballei, pero as portas para acceder a el están pechadas e non son quen de atravesalas. Empurro, berro, bato coas mans e cos pes nas portas, e nada, non consigo entrar. O soño, sexa cal sexa o contexto, sempre remata igual: non consigo chegar a onde se supón que teño que estar.

Estes días, cando lía as novas con respecto as restricións relacionadas con este quinto capítulo da pandemia, pensaba que dalgún xeito estamos todos metidos nese soño no que non damos chegado a onde nos dixeron (ou imaxinamos) que estariamos a estas alturas. Pensaba no dono daquel bar de tapas que viu como o botellón que leva acontecendo durante anos diante do seu local, seguía a suceder a pesar de estar obrigado a pechar o seu bar. Pensaba na propietaria daquela casa rural que, despois de ver que podería ter un bo verán, ten agora a metade das reservas canceladas. Pensaba nos pequenos comerciantes, e nos locais en aluguer, e no tempo que tardarán en volver a abrir esas portas.

Ao levantarme da cama, intentando esquecer que no meu soño desta noite tampouco conseguín saír de onde estaba, pensaba nesa palabra tan de moda hoxe en día: a resiliencia, e en como aprender a practicala. Pois polo camiño que imos, non nos queda outra que adaptarnos ao feito de que aínda queda moito para que poidamos dicir que fomos capaces de saír desta.