Comezos dos anos anos sesenta. O escritor e xornalista Álvaro Cunqueiro tíñao todo moi claro e así llo explicaba ó seu bo amigo Alejandro Armesto, xornalista moi destacado que logo sería director xeral da Axencia EFE, en Madrid. O que vían ambos os dous en Foz era unha parte da Bretaña galega. Unha Bretaña que, segundo o escritor de Mondoñedo, se estendía polas Mariñas occidental, central e oriental, é dicir, dende O Vicedo a Ribadeo, e polo interior, ata Meira, coa súa enseña na Bretoña da Pastoriza.
Cunqueiro era feliz facendo as rutas Mondoñedo-Foz e Mondoñedo-A Pastoriza, con parada obrigada na Fontemiña, onde se emocionaba vendo brotar o río Miño, que recibía augas do moi singular Pedregal de Irimia, na serra de Meira… Na Fontemiña Cunqueiro gustaba de sentir e filosofar co seu bo amigo Francisco Fernández del Riego.
Mais, volvendo coas Bretañas, hai que dicir que Foz foi, para Cunqueiro o niño de todas as Bretañas galegas. Porque, buscando o seu mar e ollando as suas ondas, el foise sentindo celta, bretón, britano…, é dicir, universal. Así comezaron a medrar na súa cabeza personaxes de todas as partes, de todas as culturas, inclusive das que non existían, porque na literatura do gran Cunqueiro acabarían por caber todos, é dicir, todos os tempos e todas as xentes. Sucedeu isto porque, se algo se pode asegurar do xenio de Mondoñedo é que tiña unha imaxinación desbordante que non admitía límites.
Non quero rematar sen volver sobre o seu Foz, sobre as súas mariñas e sobre os seus camiños montesíos desde os que o vía todo: o mar, os vales, os picos dos montes. En Foz, co seu bo amigo Alejandro Armesto, non podía deixar de teimar e remexer no asunto das Bretañas verdadeiras, porque todo o que vía era unha imaxe desas Bretañas que logo visitaría, sobre todo a francesa, tan irresistible para él como a nosa.
Aconséllase reler a Cunqueiro para saber do que estamos a falar. Dentro da súa literatura está o cerne dunha terra recreada coa maxia das súas palabras e descripcións. Seducido por todo isto eu escribín hai anos a novela Segredos de Bretaña, onde Foz e a Montaña dialogan case de costas, pero compartindo os seus dramas e as súas traxedias.