O BNG, sempre con Galiza

Ana Pontón
Ana Pontón PORTAVOZ NACIONAL DO BNG

OPINIÓN

César Arxina

30 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada día son máis os galegos e as galegas que teñen claro que cando deciden por nós desde Madrid, Galiza perde e, para mudar ese guión, a alternativa é decidir desde aquí sobre o noso e a favor do país. Chámase autogoberno real, e a única forza capaz de exercelo coas mans libres e sen límites é o BNG, no que cada vez confían máis persoas como alternativa. Esa confianza que non deixa de medrar convértenos no BNG máis transversal da historia.

O obxectivo da política é mellorar a vida da xente e sería absurdo renunciar ás ferramentas que nós permiten avanzar nese obxectivo. Por iso defendemos a capacidade de decidir sobre os nosos recursos, defendemos poñer a nosa riqueza ao servizo da maioría social ou defendemos ter a chave dos nosos cartos para xestionalos en función das prioridades do país. Chámase, insisto, autogoberno real.

Nas antípodas da submisión e do servilismo a Madrid que practican as forzas estatais, cada vez máis centralistas, mentres arremeten contra un BNG que as deixa en evidencia pola súa posición insubornable a favor de Galiza. É certo, non somos infalibles, pero hai unha cuestión na que nunca nos equivocamos: en elixir de que lado estamos, sempre, sempre, cos galegos e coas galegas.

E ese poñer a defensa de Galiza por diante, chámase tamén autogoberno, que non pode exercerse desde a miopía política dos que non confían no país, e por iso cada vez máis cidadanía quere unha alternativa liderada polo BNG.

Galiza é unha nación, e aspiramos a que sexa a cidadanía galega quen teña na súa man as decisións sobre o seu futuro ante un Estado español cunha democracia de baixa calidade, cunha monarquía tinguida de corrupción, onde os lobbys económicos gobernan a través das portas xiratorias e cunha cúpula xudicial que se perpetúa ilegalmente. Un Estado no que a defensa do dereito á autodeterminación se paga con cadea, mentres a corrupción permanece impune e a extrema dereita machista, racista, xenófoba e antigalega avanza branqueada pola dereita, coa que pacta e goberna.

Nese contexto, somos as forzas nacionalistas e soberanistas o contrapeso real a un discurso cada vez máis intolerante, que nega a diversidade nacional, cultural e lingüística dos pobos; somos as que promovemos os dereitos e liberdades.

E si, o BNG quere liderar unha Galiza que decida sobre o seu, a favor da maioría social e para darlle un futuro á mocidade. E non imos pedir permiso a ninguén, tampouco ao centralismo rampante, para construír esa outra Galiza posible con futuro e do lado de toda as causas xustas.