
Sempre me gustou Teri Portela. Porque é extraordinaria. Ten unha forza física fóra de toda dúbida, lévaa no ADN. O público sóuboo cando apareceu por primeira vez nuns Xogos Olímpicos estreando a maioría de idade. Agora ten máis do dobre de anos e témola en Tokio. Seis Olimpíadas. Nunca antes unha deportista chegara a esta cantidade de participacións. Coas mesmas ganas, máis experiencia, a mesma ilusión e unha inxente cantidade de horas de sacrificio e traballo. Sentíndose, como ela di, unha afortunada.
Amais diso, Teri gústame porque é un exemplo de discreción, de formiga calada e incansable. Vive no Grove, ten unha clínica de fisioterapia que atender, unha familia, varias carreiras universitarias... e o sorriso sempre disposto. Por iso, cando un día en Londres non foi capaz de sorrir, inconsolable, gañou aínda máis afectos dos que xa recollía. Seguir a unha persoa cando está no máis alto é relativamente sinxelo, pero facelo cando cae... iso só o conseguen os corazóns de ouro coma o dela. Aquelas bágoas eran o testemuño de anos de traballo, sacrificio, sufrimento... sen a recompensa xusta.
Non deixou de brillar, lonxe dos focos mediáticos, sen que iso sexa sinónimo de desaparecer. Sinxelamente, é o difícil equilibrio da discreción (ao que se suma tamén o seu adestrador e familia). E a min gústame a xente así, sinxela. Síntome tan orgullosa dela!!!
O malo é que, nos mundos nos que vivimos, a discreción non é un dos valores máis á alza. E aquí, Teresa Portela é medalla de ouro.