A igualdade na escola

Antonio Leonardo Pastor PRESIDENTE DA ASOCIACIÓN DE DIRECTORES DE COLEXIOS PÚBLICOS DE A CORUÑA

OPINIÓN

15 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha sociedade que se prece e pretenda ser un referente de bo exemplo para outras sociedades, debería sacar o máximo partido a todos e cada un dos membros que a compoñen, á figura feminina e a masculina. É fundamental. Neste senso, compre resaltar a importancia do termo igualdade. Todas as persoas que forman parte desta sociedade cos mesmos dereitos, responsabilidades e oportunidades. Pero centrémonos no mundo do ensino. Hoxe en día pódese dicir que a igualdade na escola é un feito, aínda que isto non significa que debamos baixar a garda ou relaxarnos. A igualdade vense traballando xa dende a educación infantil, dende os tres anos. O alumnado empeza a percibir que mulleres e homes son totalmente iguais, e eles así o senten, e isto continúa despois na educación primaria. É un traballo que vai implícito en todas e cada unha das materias que teñen ao longo da etapa educativa. A consecución desta igualdade é froito da educación por parte das familias; do esforzo que poñen as mestras e mestres para que, sen eles darse conta, se sintan todos iguais; e tamén, da nosa Consellería de Cultura, Educación e Universidade, dos recursos, tanto económicos como de persoal, que ano tras ano, inviste nesta faceta. 

Os centros temos ao noso alcance programas ou actividades de formación para levar a igualdade ás clases. Veñen á miña memoria programas como os contratos-programa, nos seus apartados de Iguálate ou Con-Vive, que ano tras ano ven tendo un éxito rotundo, aumentando as modalidades de actuación. Gustaríame facer un chamamento para que continúen no sistema educativo.

Dende fai xa moitos anos, dende a escola faise fincapé en que a igualdade sexa unha realidade.

Pero igual poderíamos reflexionar sobre o modo de mantela, partindo da base de que a historia é cultura, e non debemos nunca esquecela. Poderíamos plantexarnos varias cuestións, como por exemplo: Por qué facemos celebracións de xénero por separado?

Non sería mellor facer unha celebración conxunta da figura da muller e do home?

Aínda que, quizais hoxe en día, poderíamos reflexionar sobre outros temas de máis recente actualidade, como podería ser que o feito de que o alumnado acade titulacións con materias suspensas. Isto é calidade no ensino? Podemos baixar o índice de repetidores de calquera xeito? Volvendo ao tema de hoxe, podemos afirmar que a igualdade na escola é unha realidade, homes e mulleres, mulleres e homes son iguais, e esa é a mensaxe que dende os centros educativos transmitimos.

Para este curso que empeza, dos 28 centros públicos de educación infantil e primaria que temos na cidade de A Coruña, 16 contan cunha directora e 12 cun director; este é un dato mais que nos volve a dicir que a igualdade no sistema educativo é unha realidade.